Portos de Galicia licita a ampliación da lonxa de Cambados

Marín
13 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Ademais, Portos de Galicia tamén iniciou o procedemento de concurso público para o outorgamento dunha concesión para a explotación das estacións de subministración de combustible do porto de Cambados e do de Meloxo, no Grove

Lonxa de Tragove
Lonxa de Tragove

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, acaba de iniciar o procedemento de licitación das obras de remodelación e ampliación da lonxa de Tragove, en Cambados. Esta actuación sae a concurso cun orzamento base de licitación de 1.377.000 euros.

Os licitadores terán de prazo ata o día 2 de maio para presentar as súas ofertas.

As obras previstas consisten ampliación do edificio actual cara o nordés, creando unha nova zona destinada á limpeza de caixas, a preparación do peixe e cámaras de frío e conxelación. Ademais redistribuiranse os espazos na planta baixa destinada a oficinas.

O novo espazo ampliado terá unha superficie de aproximadamente 300 metros cadrados continuando a cuberta existente e incluirá unha pequena zona abrigada que sirva para acoller a carga e descarga de mercadorías nos camións. Con isto elimínase do actual espazo da lonxa a zona de limpeza, o almacén de caixas e a cámara frigorífica.

O proxecto inclúe tamén o acondicionamento da actual planta baixa modificando a distribución dos baños e a oficina da confraría e dispoñendo unha zona de vestiario e aseos así como outra de almacén para carretillas. Así mesmo, a oficina de inspección sanitaria substitúese por unha de atención aos clientes. Finalmente, na zona central da lonxa créase un espazo para a pesada do peixe e outro para o marisco e o quiosco destinado a oficinas substitúese por un novo elemento móbil.

GASOLINEIRA

Ademais, Portos de Galicia tamén iniciou o procedemento de concurso público para o outorgamento dunha concesión para a explotación das estacións de subministración de combustible do porto de Cambados e do de Meloxo, no Grove. O prazo de presentación de ofertas finalizará o 13 de maio. Estas gasolineiras dedicaranse exclusivamente á subministración a embarcacións.

LONXA DE MARÍN

Por outra banda, a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra adxudicou á empresa madrileña Betazul por máis de 830.000 euros a obra de "Renovación e mellora das instalacións interiores da lonxa: renovación das bases articuladas dos piares".

A lonxa de Marín está en servizo desde 1976 e a súa proximidade á contorna salino fai necesaria a renovación puntual das bases articuladas dos seus piares. Os traballos conlevan a montaxe dunha estrutura metálica auxiliar para a revisión, renovación estrutural e disposición de novas rótulas nos piares.