Portos de Galicia acometerá a reparación do peirao de Aguete

Marín
23 de maio 2016

No transcurso dunha visita á zona, acompañado da alcaldesa de Marín, María Ramallo, Durán aclarou que boa parte das actuacións programadas están xa "en tramitación ou execución"

O presidente de Portos en Aguete
O presidente de Portos en Aguete / Xunta de Galicia

O presidente do Portos de Galicia, José Juan Durán, anunciou este luns que este ente público dependente da Consellería do Mar ten previstas investimentos por máis de 140.000 euros para o peirao de Aguete, no municipio pontevedrés de Marín.

No transcurso dunha visita á zona, acompañado da alcaldesa de Marín, María Ramallo, Durán aclarou que boa parte das actuacións programadas están xa "en tramitación ou execución".

Así, Durán Hermida lembrou que o ente público xa acometeu o desmantelamento do peche do surtidor de combustible e a limpeza do recinto no que se situaba, así como a reparación do pavimento na zona. Proximamente procederase á neutralización dos gases dos depósitos de combustible para dar por finalizada esta actuación.

Ademais, Portos de Galicia autorizou o gasto para a reparación do dique aboiante tras os danos ocasionados polos efectos das condicións meteorolóxicas do pasado inverno, que provocaron o desprazamento parcial desta instalación.

José Juan Durán tamén anunciou que, tras a reparación do dique aboiante, o ente público instalará dous novos módulos de formigón de 20 metros de longo por 3 de ancho.

A maiores, instalarase tamén un pantalán para o servizo de barqueo, de maneira que o peirao poida ofrecer servizo de transporte aos barcos fondeados. Para completar a actuación integral de mellora do porto de Aguete, a administración pública está a estudar a fórmula idónea para a posta en valor do antigo peirao, un elemento de singular valor patrimonial para o municipio.