As tres confrarías do fondo da ría de Pontevedra lograron este venres o compromiso dos responsables de Portos de Galicia para iniciar o dragado do Lérez na primeira metade do ano 2016.
Segundo informou a patroa maior de Lourizán, María del Carmen Vázquez, o proxecto está pendente do estudo sobre o impacto ambiental e logo terá que saír a exposición pública para que os afectados poidan presentar alegacións.
Antes requírese a presentación dos informes sectoriais regulados por parte de Patrimonio, o Instituto de Estudos do Territorio, Conservación da Natureza, Augas de Galicia, Sanidade, a Consellería do Mar e por suposto Costas e os concellos de Poio e Pontevedra.
Con todo, os responsables de Portos esperan que a licitación dos traballos se poida facer durante este ano.
O informe ambiental ten que aprobar a modificación da dinámica de litoral que supoñerá a apertura de buratos na canle para facilitar o movemento da auga no tramo comprendido entre a desembocadura do río, á altura da ponte da autoestrada e o fondo de ría.
A noticia foi acollida con satisfacción polas confrarías.