Portos asegura que non actuará no peirao de Aguete se non conta con "pleno consenso social"

Marín
24 de marzo 2014

Así quedou de manifesto na reunión explicativa celebrada na tarde do luns no Consistorio, a petición do Concello de Marín, para expoñer os resultados do estudio de dinámica marítima realizados no porto

Porto deportivo de Aguete en Marín
Porto deportivo de Aguete en Marín /

Portos de Galicia non acometerá ningunha actuación no peirao de Aguete que non conte con pleno consenso social. Así quedou de manifesto na reunión explicativa celebrada na tarde do luns no Consistorio, a petición do Concello de Marín, para expoñer os resultados do estudio de dinámica marítima realizados no porto.

A realización do estudio que vén de rematarse foi producto dun acordo tomado pola comisión técnica na que participan o ente público, o Concello e os colectivos locais de carácter marítimo, profesional, náutico e social. En base aos resultados revelados por este traballo, tomaranse as decisións técnicas correspondentes para calquera actuación a desenvolver na zona.

Na reunión á que acudiron representantes do conxunto da Corporación local, o clube náutico de Aguete, a asociación de pescadores Chirleu e o colectivo Ronsel, Portos de Galicia insistiu en que calquera actuación estaría supeditada ao consenso social e aclarou que, en todo caso, o ente público non constrúe nin promove de xeito directo proxectos nin obras de portos deportivos, senón que impulsa a participación da iniciativa privada neste tipo de actuacións.

Así mesmo, clarexou que actualmente non existe ningún proxecto para ampliación ou remodelación de infraestruturas no porto de Aguete, só o estudio de dinámica marítima do que se deu conta.