Día de festa no porto de Marín pola botadura dun novo buque

Marín
28 de novembro 2024
Actualizado: 17:30

Trátase do 'Argos Berbés' equipado para a pesca e o procesado de lura patagónica no caladoiro das Illas Falklands (Malvinas)

Botadura do Argos Berbés
Botadura do Argos Berbés / Nodosa Shipyard

O porto de Marín acolleu este xoves a cerimonia de botadura dun novo buque do estaleiro Nodosa.

Trátase do 'Argos Berbés', equipado para a pesca e o procesado de lura patagónica no caladoiro das Illas Falklands (Malvinas).

O acto reuniu a máis de 300 invitados do ámbito empresarial, social e institucional de Galicia.

Entre outras autoridades, asistiron o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa; Manuel Ángel García, da Capitanía Marítima de Vigo; e Patricia Sánchez, subdirectora de Estratexia e Cooperación da Axencia Europea de Pesca, así como os responsables das principais asociacións sectoriais.

A cerimonia incluíu a bendición do novo buque, a cargo do Bispo da Diocese de Tui-Vigo, Antonio José Valín Valdés, e contou con Ana Pereira como madriña do evento.

O novo buque forma parte da frota do Grupo Pereira e foi construído por encargo da sociedade mixta Nodosa Shipyard y Orion Fishing Company LTD, tras un investimento de 30 millóns de euros.

O arrastreiro conxelador leva a denominación do barrio no que medrou dito grupo empresarial. Partirá rumbo ás augas Malvinas a comezos de ano logo da renovación das licenzas de pesca por 25 anos, o que aporta a seguridade xurídica que se precisa para seguir na senda empresarial da renovación da frota.

Dedicarase á captura de lura; especie da que, na última década, en Galicia se descargou unha media de 70.000 toneladas.

Trátase dun buque moderno e de proa invertida xemelgo do Prión, recentemente entregado tamén pola mesma empresa construtora a outra compañía armadora. Ten un rexistro bruto de 2.499 toneladas, 85 metros de eslora e 14 de manga. Ambos buques son os arrastreiros máis grandes construídos ata a data por Nodosa. As súas características ofrecen moi bos resultados, sobre todo, en situacións de malas condicións do mar.

O Grupo Pereira leva 70 anos faenando. Captura 120 especies cos seus máis de 20 buques e ten unha clara vocación exportadora que se circunscribe, fundamentalmente, aos países de Mauritania, Senegal, Nambia, Sudáfrica e ás Illas Malvinas. Destaca, ademais, por ser pioneiro na instauración da súa estrutura societaria que, na Unión Europea, está presente en 25 países, e xeran un impacto indirecto multiplicador. En concreto, preto de 4.700 millóns de euros e máis de 29.000 empregos.