O porto deportivo de Combarro recibiu durante o pasado ano 604 embarcacións de 14 nacionalidades distintas, o que supuxo un aumento do 6% no número de atraques con respecto a 2023.
Un balance "moi satisfactorio" para a concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, que analizou este mércores os datos de 2024 nas instalacións portuarias xunto ao capitán do porto, Manuel Martínez.
Segundo a información recollida polo persoal do porto, foron un total de 604 embarcacións as que fixeron tránsito en Combarro durante 2024, cunha ocupación moi alta dos 334 amarres de que dispón, que colgaron o cartel de 'completo' no mes de agosto. Tres de cada catro foron veleiros, sendo os restantes barcos a motor.
Se ben algo máis da metade das embarcacións son de orixe nacional, hai unha alta porcentaxe de naves estranxeiras, un 43%, destacando as de bandeira francesa, irlandesa, británica e alemá, aínda que tamén chegaron a Combarro barcos con pavillón polaco, finés ou estadounidense.
Ademais, a edil subliñou que a bordo veñen "moitísimos visitantes fieis, que buscan turismo de calidade e que desfrutan desta tarxeta de presentación privilexiada", xa que son turistas cun perfil moi interesante, e que en numerosos casos "veñen todos os anos, fan boca a boca e son os mellores prescriptores de Combarro".
Cochón agradeceu o traballo que se fai desde o porto deportivo, un referente europeo co distintivo de 5 áncoras de ouro.
Manuel Martínez amosouse moi satisfeito de que o porto poida ser un polo de atracción do turismo de calidade e adiantou que "2025 virá con noticias moi positivas para o turismo náutico de Poio".
MESA DE TURISMO
Cochón anunciou ademáis que estes datos relativos ao turismo náutico, xunto a un balance completo de 2024 no ámbito turístico, así como as perspectivas para 2025 serán abordados na vindeira reunión da Mesa Local de Turismo, que terá lugar o mércores, 12 de febreiro.