Portas pechadas, edificios vivos

Pontevedra
24 de abril 2020

O estado de alarma obrigou a moitos traballadores a realizar a atención ao público a distancia desde as súas casas, pero a actividade nos edificios institucionais non cesa e o persoal de seguridade segue acudindo a diario a abrir as portas e atender o teléfono

Genaro Barral é o garda de seguridade do edificio do Insituto Galego de Vivenda e Solo de Pontevedra
Genaro Barral é o garda de seguridade do edificio do Insituto Galego de Vivenda e Solo de Pontevedra / PontevedraViva

A entrada en vigor do estado de alarma o pasado 13 de marzo deixou as rúas desertas. Moitos perderon o seu posto de traballo e outros seguen realizando as súas funcións desde casa. Pero unha parte do tecido laboral segue acudindo a diario aos seus postos de traballo. Sanitarios, policías, traballadores de supermercado ou limpadores, para eles son os aplausos de cada día, o seu labor é vital. Pero existen outras funcións menos visibles e igualmente fundamentais. 

"O edificio está pechado ao público e os funcionarios traballan desde casa, pero a xente necesita informarse e eu encárgome tamén de atender esas chamadas", explica Genaro Barral, garda de seguridade da delegación de Pontevedra do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que segue acudindo cada mañá ao seu posto de traballo para abrir e pechar o edificio e, desde a súa garita, atender o teléfono. "Aquí só estamos un informático e eu, todo o persoal de funcionarios traballa desde casa. Pero a xente segue pendente das axudas e chaman para pedir información", detalla o garda. O seu labor tamén é transferir esas chamadas ao departamento correspondente, mentres que o do seu compañeiro informático é dar soporte ao teletraballo do funcionariado.

A pesar de sentirse un "privilexiado" por poder manter o seu traballo e non estar tan exposto á pandemia como os seus compañeiros dos hospitais, aeroportos ou centros comerciais "cinco compañeiros meus do hospital de Lugo deron positivo", subliña, recoñece este traballador de Dorrón que tamén para eles "esta situación faise dura". O que peor leva é a falta de contacto cos seus seres queridos. "Temos que estar illados, levo sen ver á miña nai desde que empezou isto porque é maior e tivo cancro", relata moi comprometido co cumprimento de todas as medidas de seguridade para superar canto antes a crise.

A pesar das dificultades do seu día a día, o garda da empresa Salzillo agradece a atención que lle prestan tanto desde a súa empresa como da Xunta. "Están a darnos todo o material e chámannos a miúdo para saber como estamos. Tamén da Xunta veñen todas as semanas a visitarnos", destaca Barral.

"Sabemos que o aplauso é para todo o mundo, pero ás veces na seguridade privada sentimos un pouco abandonados", conclúe este sanxenxino que seguirá acudindo ao seu posto de traballo para abrir as portas dun edificio baleiro pero vivo á espera do regreso de funcionarios e usuarios.