“Porque xuntos podemos acadar unha cidade sen barreiras arquitectónicas, sensoriais e cognitivas"

Pontevedra
27 de setembro 2020

A I Feira da Saúde e o Benestar, PonteSan, pechou as súas portas ao mediodía deste domingo tras día e medio de no que a carpa instalada na praza de España se converteu no altofalante que necesitan as asociacións socio sanitarias de Pontevedra. Como colofón, os participantes leron un manifesto no que lembraron que "a saúde é o máis importante"

Acto de peche de 'PonteSan'
Acto de peche de 'PonteSan' / Concello de Pontevedra

A I Feira da Saúde e o Benestar, PonteSan, pechou as súas portas ao mediodía deste domingo tras día e medio de no que a carpa instalada na praza de España se converteu no altofalante que necesitan as asociacións socio sanitarias de Pontevedra para dar a coñecer o seu traballo e que lles sexa recoñecida a súa contribución á sociedade. Como colofón, as asociacións participantes quixeron ler un manifesto consensuado no que lembraron que "a saúde é o máis importante". 

En plena pandemia da Covid-19, esta afirmación cobra aínda maior importancia e tamén o día a día destas asociacións. O concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, quixo agradecerllo, e tamén o seu esforzo "24 horas ao día 365 días ao ano", todo "desde o máis íntimo do meu corazón". 

O acto de peche tivo como protagonista a Miguel Pérez Fernández, fillo do presidente da asociación Down Xuntos Pontevedra, Manuel Pérez Cabo. En nome de todos os participantes, leu un manifesto no que reivindicou a necesaria unidade entre asociacións, "porque xuntos podemos acadar unha cidade sen barreiras, non só sen barreiras arquitectónicas, senón tamén sen barreiras sensoriais e cognitivas".

Os participantes lembraron que Pontevedra ten un gran número de asociacións sociosanitarias que colaboran dentro do ámbito da saúde e en programas de vida activa e saudable e nos tratamentos e diagnósticos de xente con doenzas e que o seu traballo "debe ser cada vez máis visible" para a sociedade, xa que "o coñecemento das distintas patoloxías implica unha inclusión de todas e de todos".

O manifesto quixo demandar que todas estas asociacións poidan contar coas ferramentas axeitadas para levar a cabo as súas actividades, que prestan grazas ao traballo tanto de persoas usuarias que coñecen perfectamente as diversas enfermidades e discapacidades como de profesionais altamente cualificados.

Todas as reivindicacións baséanse en que "é de xustiza que se lles brinde a oportunidade de amosar á sociedade a realidade do seu esforzo e os excelentes resultados acadados" para mellorar as condicións de vida das persoas con diversidade funcional ou ben dos afectados polas distintas patoloxías.

Esta feira naceu co obxectivo de converterse nunha canle de visibilización de diferentes capacidades, das enfermidades e dos seus tratamentos, onde se xunten os esforzos das administracións para axudar no seu traballo e os participantes demandaron no seu manifesto que a cita "chegue para quedar", se converta en altofalante das asociacións e se transforme "pronto" na Semana da Saúde e o Benestar.

No acto de clausura da I Feira da Saúde e o Benestar tamén estivo presente o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, pero a palabra tomouna Tino Fernández que agradeceu a asistencia á feira durante este sábado e este domingo a pesar da primeira xornada de choiva. 

Como todas as primeiras edicións, Tino Fernández recoñeceu que PonteSan puido ter erros ou cuestións a mellorar, pero preferiu quedarse con que, tamén como todas as primeiras edicións "abren portas" e este evento abriu paso a unha nova edición en 2021. "Se a Covid o permite", anunciou, o Concello organizará unha segunda edición para a primavera de 2021.