Investigacións sobre pornografía dixital ou ciberviolencia de xénero reciben financiación da Deputación

Pontevedra
21 de outubro 2024

A Cátedra de Feminismos 4.0 impulsa cinco investigacións que exploran a sociedade dixital desde unha perspectiva de xénero

Estudantes no campus de Pontevedra
Estudantes no campus de Pontevedra / DUVI - UVigo

A Cátedra de Feminismos 4.0, promovida pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, vén de seleccionar cinco proxectos na última convocatoria de axudas á investigación.

Dixitalización e traballo da muller, pornografía dixital, ciberviolencia de xénero, visibilidade dixital das protagonistas de obras teatrais e identificación das pioneiras do sector publicitario na provincia son os eixes temáticos dos cinco proxectos escollidos.

Na súa sexta edición, esta liña de axudas destina 24.000 euros a financiar estes cinco estudos dos que catro están liderados por persoal investigador do campus de Pontevedra.

O obxectivo da Cátedra Feminismos 4.0 é a promoción da igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información, a promoción e impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos de coñecemento.

Acadaron 6.000 euros de financiación, o máximo previsto, a investigación sobre as políticas fiscais de igualdade aplicadas ao traballo da muller e a dixitalización e tamén a análise dos sitios web de contactos de scorts na provincia de Pontevedra, desde unha perspectiva de xénero.

O terceiro proxecto con maior puntuación, cun financiamento de 5.400 euros, estará centrado na identificación das pioneiras da publicidade en Pontevedra e na busca de referentes para as futuras profesionais do sector.

Financiado con 3.000 euros, está a investigación dirixida a outorgar visibilidade dixital ás protagonistas femininas agochadas no teatro.

Por último, foi financiado con 3.600 euros un proxecto de prevención da ciberviolencia de xénero na poboación adolescente no contexto de Pontevedra.