In love co comercio local é o nome da campaña que o Concello de Pontevedra poñerá en marcha a partir do 6 de febreiro para incentivar as compras nas tendas de Pontevedra con motivo da celebración do día dos namorados, o 14 de febreiro.
A actual situación de crise sanitaria e económica fai que a concellería de Promoción Económica centre todos os seus esforzos en revitalizar o pequeno comercio pontevedrés. É por iso que a titular deste departamento, Yoya Blanco, pediu este mércores a toda a cidadanía que fagan as súas compras na cidade, tanto de forma presencial como a través das plataformas e-ponte. com ou ponteabastos.com.
Para evitar aglomeracións, a campaña prolongarase ata o 10 de marzo. Durante este período os locais adheridos, ao redor de 450 establecementos de todo tipo, lucirán nos seus escaparates os corazóns ou cupidos de cartón que o Concello xa comezou a repartir.
Ademais, entre os compradores sortearanse 30 vales de 100 euros a trocar no comercio local. Cada unha das tendas adheridas recibirá uns 75 tiquets que entregarán con cada compra e que servirán aos clientes para participar nestes sorteos.
A campaña comercial para esta xornada viuse tamén afectada pola pandemia e as restricións. Desde Promoción Económica víronse obrigados a prescindir dos servizos de empresas locais de organización de eventos e dinamización nas rúas para cumprir coa normativa, evitar aglomeracións e minimizar as posibilidades de contaxio por covid-19 entre a poboación.