Por que a CIG centrou os actos do 8 de marzo nas tendas de Zara, Massimo Dutti ou Bershka?

Pontevedra
08 de marzo 2016

A CIG protagonizou unha concentración en Pontevedra para denunciar o deterioro das condicións laborais das mulleres, o incremento das desigualdades e os recortes sociais co lema "Precarias"

Concentración da CIG no 8 de marzo
Concentración da CIG no 8 de marzo / PontevedraViva

A CIG protagonizou unha concentración en Pontevedra para denunciar o deterioro das condicións laborais das mulleres, o incremento das desigualdades e os recortes sociais co lema "Precarias".

Segundo o sindicato nacionalista, a precariedade é a mellor definición da situación sociolaboral que atravesan as galegas, con contratos temporais, traxectorias laborais inestábeis, con moita rotación laboral e con salarios, en moitos casos, por baixo da liña da pobreza.

A "xornada de loita" centrouse este ano nas tendas do grupo Inditex: Zara, Pull&Bear, Massimo Dutti, Bershka, Stradivarius, Oysho, Zara Home y Uterqüe. Unha escolla "que non é casual", xa que a meirande parte do seu persoal "son mulleres, con contratos a tempo parcial, que traballan a un elevado ritmo de traballo, con grande rotación, salarios baixos, ás cales se lles dificulta a conciliación, mentres as empresas conseguen millonarios beneficios a costa da explotación das traballadoras".

Nesta situación situou a CIG tamén ás traballadoras de venda, ás que denunciou que se lles exixe ter boa presenza e sofren discriminacións por razón de idade, xa que, afirmou, "a media de idade é de 28 anos e agochan ás de máis de 40 nos almacéns, ou prexubilan ás de máis de 50".

A CIG non esqueceu tampouco ás traballadoras dos centros loxísticos, que "teñen que facer horas extra para poder sacar nunha xornada de traballo a cantidade de prendas marcadas polos ritmos de robotización"; nin ás que son explotadas por estas mesmas empresas nos países pobres, nas fábricas de confección de roupa.

Unha explotación que, sinalaron, non só sucede no país ou no resto de países onde o grupo ten as súas tendas, senón nas fábricas de confección da roupa, deslocalizadas nos países máis pobres.

Velaí o paradoxo, concluíron, "traballadoras en precario traballan para outras mulleres precarizadas".