A unión de asociacións 'Por Pontevedra', nada para mostrar o seu malestar co actual Goberno municipal, decidiu realizar unha reivindicación moi do Nadal e fíxoo a través dunha das tradicións máis arraigadas desta época do ano, un Belén.
Un dos integrantes do colectivo creou na súa vivenda do centro de Pontevedra un Belén de grandes dimensións no que recreou, xunto ao presebe ou as escenas tradicionais de agricultores ou gandeiros, unha da manifestacións de 'Por Pontevedra'.
Esta manifestación tan do Nadal reproduce algunha das demandas que adoita levar o colectivo nas súas protestas e ás dúas manifestacións organizadas nas últimas semanas na cidade.
Así, as persoas asistentes á concentración recreada levan carteis coas mensaxes "Reina Victoria Abierta ya", "los vecinos queremos ser escuchados" ou "estáis arruinando el comercio de Pontevedra", que tamén se puideron ver nesas protestas.
Esta particular postal do Nadal compartiuna o colectivo a través das súas redes sociais e, en cuestión de días, circulou como a pólvora a través de mensaxes de WhatsApp difundidos por todo o municipio.
'Por Pontevedra' nace da unión de oito colectivos de Monte Porreiro, Campañó, Lourizán, Xeve, Salcedo, Mollavao, Ponte Sampaio e Mourente para denunciar a falta de diálogo do goberno local cos veciños e criticar algunhas decisións recentes como o peche de Raíña Vitoria.