O Concello de Cerdedo-Cotobade xa conta cun proxecto para colocar a nova sinalización informativa do municipio fusionado nos principais accesos por estrada e xa o presentou ante Turismo de Galicia para optar a unha subvención que permita afrontar esta iniciativa, orzamentada en preto de 50.000 euros.
O executivo local agarda recibir a máxima axuda posible, incluso polo 100% do importe, tendo en conta que a súa proposta cumpre con todos os parámetros estéticos esixidos pola Xunta e que dispón de prioridade na baremación de axudas pola fusión municipal.
A proposta de sinalización informativa de benvida ao termo municipal, que está homologada e se corresponde coa esixida polo organismo autonómico, incluiría a imaxe corporativa de Galicia, a denominación do novo concello, a imaxe dos hórreos das famosas eiras e o tradicional "benvidos" en ata seis idiomas: galego, castelán, francés, inglés, alemán e portugués.
Estes sete elementos están concebidos como paneis con estrutura de aceiro galvanizado con grandes dimensións, xa que acadan os 5 por 1,10 metros.
A intención do goberno local pasa por situalos nos sete principais accesos ao municipio polas estradas autonómicas e provinciais e, nalgúns casos, retirando a antiga sinalización existente coa denominación individualizada dos anteriores concellos.
Finalmente, e para os accesos pola estrada nacional N-541 dende os municipios de Pontevedra e Forcarei, estanse a estudar diversos tipos de sinalización para poder acadar as autorizacións correspondentes por parte do Ministerio de Fomento, que é o titular desta vía.