O Partido Popular de Pontevedra volveu a denunciar o estado de "abandono" do Teatro Principal, poñendo esta vez o foco na falta de accesibilidade universal do inmoble e na progresiva deterioración das súas instalacións.
"Desde o PP esiximos a Lores e ao BNG que cumpran coas garantías e servizos prometidos para o Teatro Principal, que seguen sen materializarse", denunciou a edil Silvia Junco.
Os populares consideran "inaceptable" o estado actual do histórico teatro, entre outras cuestións, polo mal estado do patio de butacas, as humidades nas paredes e solos ou a ausencia do ascensor comprometido polo goberno municipal.
Junco lembrou que, en outubro de 2024, o Concello comprometeuse a iniciar varias actuacións para mellorar o edificio a finais de ano ou comezos de 2025.
Con todo, a mediados de marzo, o PP denuncia que esas obras seguen sen iniciarse e que o estado do teatro continúa deteriorándose.
"A maioría dos aseos seguen pechados porque quedaron sen reformar, o gran buraco no teito para o ascensor evidencia o fracaso da última actuación e as humidades visibles en paredes e solos transmiten unha imaxe de abandono absoluto", sostén a concelleira.
Ademais denuncia "serias dificultades" para a mobilidade en cadeira de rodas e que o patio de butacas mostra un "desgaste notorio", con numerosos asentos rotos.