Populares e socialistas debaten sobre a paralización das reformas dos portos de Covelo e Raxó

Poio
14 de xuño 2018

Foi no debate dunha proposición non de lei do grupo socialista que foi rexeitada polo PP na Comisión de Medio Ambiente

Teresa Egerique, deputada do Partido Popular
Teresa Egerique, deputada do Partido Popular

A portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista, Patricia Vilán, reclamou este xoves ao goberno galego que poña en marcha, a través de Portos de Galicia, os proxectos de acondicionamento das zonas portuarias de Covelo e Raxó, no Concello de Poio.

Así o dixo no debate dunha proposición non de lei que foi rexeitada polo PP na Comisión de Medio Ambiente.

A responsable socialista lamentou o "desleixo" de Portos de Galicia que, sinalou, "non toma nin unha soa decisión" para desbloquear o proxecto destes portos. Lembrou que estas zonas portuarias precisan da urxente reordenación das zonas con tráfico rodado, tránsito peonil pola fronte marítima, dotación de zonas de estacionamento, rehabilitación de pavimentos, mobiliario urbano e sinalización e dotación de servizos.

Pola súa banda, a portavoz do Mar do grupo do Partido Popular, Teresa Egerique, demandou ao Concello de Poio que "clarexe a localización da nova depuradora, de xeito que posteriormente Portos de Galicia poida levar adiante os proxectos de reordenación dos portos de Covelo e Raxó".

Teresa Egerique lembrou os proxectos de Portos de Galicia nos peiraos de Raxó, Covelo, Combarro e Campelo, suporán un investimento superior aos 600.000 euros e engadiu que a portavoz popular explicou que "esta obra vén marcada pola necesidade de instalar unha nova depuradora no concello de Poio, unha infraestrutura vital para o municipio e que non se debe entorpecer".

A socialista Patricia Vilán criticou que o propio Portos de Galicia aluda á dispoñibilidade orzamentaria, primeiro, e á falla de ubicación da depuradora, despois, como "parapetos para eludir unha actuación fundamental para Poio, coma se o Concello tivera competencia na depuración das augas".