A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou que, no prazo dun ano, se elabore unha nova lei do viño en Galicia, que permita dar un "maior impulso" ao sector e garantir tanto a súa viabilidade como o seu futuro.
Durante unha visita á cooperativa Martín Códax en Cambados, Pontón avanzou que ante a "incapacidade" do goberno do PP os nacionalistas presentarán unha proposta no Parlamento para impulsar a tramitación desta normativa.
"É algo que xa debía de existir", sostivo a líder do BNG, que asegurou que o seu partido leva alertando "desde hai tempo" da existencia de problemas no sector "sobre os que é necesario actuar" canto antes.
Así, destacou que a DO Rías Baixas "está a pasar un bo momento", pero subliñou que esta "non é a realidade" de todas as denominacións de orixe galegas.
A dirixente nacionalista asegurou que "nos preocupa" que haxa colleiteiros que ante a crise que atravesa o viño tinto "non saben que facer coa uva".
Para combater esta problemática, ademais desta nova regulación, o BNG esixe a recuperación das mesas do viño, en cada denominación e outra global, como mecanismo de interlocución e programación co sector.
Ademais, Pontón defendeu a necesidade de impulsar contratos homologados que acheguen "estabilidade" aos produtores como garantía de recollida e prezo, incluíndo neles mecanismos de pago adiantado da uva.
A portavoz nacional do BNG reivindicou ademais o desenvolvemento dunha política vitivinícola a medio e longo prazo en Galicia "que aposte pola calidade e pola defensa dun modelo centrado no territorio", o que contribuiría a impulsar "moitas outras actividades".
"Este sector supón unha gran oportunidade para Galicia pero necesita dunha maior atención", sentenciou.