Pontón pon a Pontevedra como exemplo da política do BNG contra a emerxencia climática

Pontevedra
06 de novembro 2019

Aplicar un modelo de mobilidade "sustentable", reducir as emisións de CO2, colocar a compostaxe "no centro" da xestión dos residuos ou un plan forestal que aposte pola biodiversidade e limite o cultivo e plantación de eucaliptos. Son algunhas das medidas polas que, segundo Ana Pontón, aposta o BNG para facer fronte á emerxencia climática

Acto do BNG en Lourido contra a emerxencia climática
Acto do BNG en Lourido contra a emerxencia climática / BNG

Aplicar un modelo de mobilidade "sustentable", reducir as emisións de CO2, colocar a compostaxe "no centro" da xestión dos residuos ou un plan forestal que aposte pola biodiversidade e limite o cultivo e plantación de eucaliptos. Son algunhas das medidas polas que, segundo Ana Pontón, aposta o BNG para facer fronte á emerxencia climática.

Gran parte destas políticas ambientais, engadiu, xa se puxeron en práctica "con éxito" en cidades nas que goberna o BNG como Pontevedra. Así o destacou Pontón nun encontro con activistas ambientais e con responsables das escolas asociadas á UNESCO celebrado en Lourido.

Desde alí, coa fábrica de Ence de fondo, a dirixente nacionalista reiterou que o BNG seguirá "dando a cara" para que a pasteira saia da ría de Pontevedra. Será unha das batallas que dará no Congreso, avanzou, se obteñen representación en Madrid tras as eleccións xerais do domingo.

O "empeño" do PP, sinalou Pontón, en apoiar a continuidade de Ence forma parte das políticas ambientais que os populares, desde a Xunta de Galicia, impulsan na comunidade galega e que ao seu xuízo son unha "auténtica fábrica" de cambio climático. 

Ante iso, a líder do BNG reclamou un cambio de "paradigma" económico, ecolóxico e de consumo para frear as consecuencias que a situación de emerxencia climática está a provocar no planeta.

Para poder avanzar cara a ese obxectivo, Ana Pontón apelou ao voto dos mozos que non queren que Galicia "siga a senda" que marcan "altofalantes do negacionismo" como Trump, Bolsonaro ou Salvini que, en España, convertéronse en referentes para a extrema dereita "coa que pacta o PP".

Pontón, que estivo acompañada pola candidata do BNG ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, ou os alcaldes de Pontevedra e Poio, entre outros, sinalou que ante o "reto global" que supón facer fronte á emerxencia climática "hai que actuar de forma local" para limitar os efectos dun modelo económico "depredador" co medio ambiente.

A portavoz nacional do BNG avanzou que, entre outras cuestións, o seu partido propoñerá un cambio no modelo forestal que aposte pola biodiversidade e que declare ao eucalipto especie invasora, limitando o seu cultivo e plantación.

Pontón incluíu nas liñas de traballo do BNG o saneamento integral das rías, a posta en marcha dun tren "do século XXI" que unha todas as cidades de Galicia, a aposta por fontes de enerxía renovables ou o impulso dunha economía circular que inclúa a compostaxe como eixo do modelo de xestión de residuos.

Os nacionalistas tamén prometer defender no Congreso prohibir por lei as portas "xiratorias" para evitar que as maiores empresas contaminantes, como as eléctricas, "senten no consello de ministros" a través de ex cargos políticos que actúan como "lobbistas de luxo" en favor dos seus intereses.

"Ence é un exemplo de libro desta práctica que hai que erradicar", sinalou Pontón.