Pontón debulla en Pontevedra o seu programa económico para que Galicia "aproveite a súa riqueza e potencial"

Pontevedra
25 de xaneiro 2024

"Estamos a tempo de cambiar o rumbo e introducir as transformacións que nos permitan avanzar e crecer de xeito sostible", defendeu a líder nacionalista, que prometeu buscar "grandes acordos de país" para situar a Galicia "entre as nacións máis avanzadas"

Encontro de Ana Pontón con empresarios de Pontevedra para presentar o seu programa económico
Encontro de Ana Pontón con empresarios de Pontevedra para presentar o seu programa económico / Mónica Patxot

Ata Pontevedra acudiu este xoves a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, para debullar, nun almorzo con empresarios, o seu programa económico para gobernar Galicia e lograr que este país "aproveite toda a súa riqueza e o seu potencial".

Para Pontón, a "propaganda de estabilidade e bonanza" que transmite o goberno de Alfonso Rueda "non é a realidade deste país", reclamando un cambio á fronte da Xunta para reverter o declive de Galicia, porque "quen é parte do problema non pode ser parte da solución".

"Estamos a tempo de cambiar o rumbo e introducir as transformacións que nos permitan avanzar e crecer de xeito sostible", defendeu a líder nacionalista, que prometeu buscar "grandes acordos de país" para situar a Galicia "entre as nacións máis avanzadas".

A candidata do BNG prometeu traballar para "xerar confianza" en Galicia, creando un departamento que capte investimento privado no sector industrial, ou para avanzar no autogoberno e "non quedar atrás" con respecto a outras rexións españolas.

Dispoñer de máis recursos financeiros será outra das súas prioridades, entre outras cuestións, convertendo o Igape nun instituto galego de crédito, creando unha oficina especializada na captación e xestión de fondos europeos ou mobilizando o aforro cara a sectores produtivos.

Nesta estratexia, Pontón incluíu unha maior cooperación co tecido empresarial, unha reforma "a fondo" da administración para modernizala ou desenvolver un proxecto "que mire máis para o sur e para o mar", ao entender que o futuro de Galicia "está no Atlántico".

O plan do BNG propón ademais incrementar a colaboración con Portugal, redeseñar o mapa educativo para adaptalo aos cambios no sistema produtivo ou apostar en firme pola transformación tecnolóxica e dixital, que inclúa unha IA "ética e inclusiva".

Tras establecer as súas prioridades, Pontón explicou os "proxectos transformadores" que impulsaría como presidenta, empezando por unha "reindustrialización" de Galicia que peche ciclos produtivos e fortaleza as cadeas de valor, apostando por industrias "innovadoras".

Ademais, avogou por "non perder o tecido empresarial que temos", por crear máis chan empresarial "onde hai actividade" ou por reforzar a base produtiva de Galicia, recuperando terras agrarias e rexenerando as rías para impulsar a actividade da cadea mar-industria.

A líder do BNG propoñerá tamén un "gran pacto galego" que destine o 3% do PIB á ciencia e o I+D+i, sumando a iniciativa pública e privada; un plan para captar e reter talento, similar ao que impulsan Euskadi ou Cataluña, ou a modernización das infraestruturas.

"Por xustiza, igualdade e equidade" a primeira petición que fará a Pedro Sánchez será a transferencia da AP-9, ao que sumou o impulso ao AVE entre Vigo e Lisboa, reforzar a mobilidade ferroviaria ou unha mellor coordinación entre os tres aeroportos galegos.

E con respecto ao modelo enerxético, que actualmente ven "feito a medida" das grandes compañías, o BNG promete implantar unha tarifa eléctrica galega e a creación dunha empresa pública de enerxía, para que Galicia teña "máis capacidade de decisión" sobre este sector.

LORES: "PONTÓN ME REPRESENTA COMO NUNCA ME REPRESENTOU NINGUÉN A NIVEL GALEGO"

Neste almorzo, no que a líder do BNG presentou as principais medidas do seu programa en materia económica, interveu tamén o candidato por Pontevedra, Luis Bará, que sostivo que os nacionalistas están "preparados para gobernar".

Estano, asegurou, tras facer un "esforzo por resetearse e por achegarse á realidade económica do país", un proceso de escoita e diálogo que lles axudou a "coñecer mellor o país e romper certos prexuízos e desconfianzas que podían ser recíprocas".

"O país e o seu empresariado están preparados para un goberno do BNG e interésalles un goberno que teña a cabeza e o corazón na defensa de Galicia", subliñou Bará.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que as eleccións do 18F son unha "oportunidade" para que goberne un partido que "ten confianza neste país, na súa xente e nas súas inmensas potencialidades", liderado por Ana Pontón.

Da propia Pontón, Fernández Lores destacou que "me representa como nunca me representou ninguén a nivel galego" e mostrouse convencido de que será unha presidenta que "vai dar todo de si para que Galicia teña un futuro certo".

Arquivado en