A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu un concerto económico que lle dea a Galicia "a chave dos seus cartos", tal e como xa ten Euskadi "e pronto vai ter Cataluña".
Foi nun acto celebrado en Pontevedra, no que Pontón defendeu o modelo alternativo de financiamento "xusto" que propón o BNG para "mellorar a vida dos galegos e das galegas".
Este acto público está enmarcado nunha campaña que está a desenvolver o BNG na que avoga por acadar un acordo bilateral co Estado que lle permita a Galicia recadar o 100% dos seus impostos.
Pontón asegurou que Galicia "non ten que conformarse con migallas como pretende o PP" que, segundo dixo, "só defende retoques cosméticos no sistema actual", que cualificou de "inxusto" e co que a cidadanía galega "perde miles de millóns de euros".
O BNG esgrime un informe elaborado polo economista Xosé Díaz, segundo o que, en 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 millóns de euros en Galicia, que recibiu 10.041 millóns.
É dicir, un diferencial negativo de 5.344 millóns ao que habería que restar o pago ao Estado polos servizos que presta pero que, aínda así, suporía "un saldo enorme a favor do país".
Os nacionalistas tamén citan o informe do Consello de Contas que, logo de analizar o actual modelo de financiamento en termos de equidade e suficiencia, sitúa o déficit do financiamento entre 2009 e 2021 en case 20.000 millóns de euros, "é dicir, que Galiza perde arredor de 1.500 millóns cada ano".
Pontón tamén reprochou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a súa negativa tanto a negociar a quita da débeda acadada polo BNG no acordo de investidura "pese a que o seu pago supón a terceira partida máis alta dos orzamentos", como a reclamar un modelo de financiamento propio "acorde á realidade galega e ás súas necesidades".
Por este motivo, Ana Pontón acusou ao titular do executivo galego de "antepoñer os intereses do PP aos dos galegos" e de ser "submiso á estratexia partidista que lle marcan dende a rúa Génova".
Así, emprazouno a "rectificar e evitar pasar á historia como o presidente da Xunta que sitúa a Galiza como unha comunidade de segunda".