Pontevedreses madrugadores para un Entroido tardío

Pontevedra
18 de febreiro 2017

Falta moi pouco para o Entroido e dende tendas especializadas como Party Festa e Disfraces Novás destacan a anticipación da xente á hora de comprar o disfrace e a volta dos máis novos cara aos comercios locais, que debido ao gran interese que espertan estas festas, buscan neles unha axuda máis personalizada

Os pontevedreses seguen acudindo ao comercio especializado á hora de comprar os disfraces para o Entroido
Os pontevedreses seguen acudindo ao comercio especializado á hora de comprar os disfraces para o Entroido / Mónica Patxot

Falta menos dunha semana para o Entroido e os escaparates de Pontevedra foron invadidos por piratas, príncipes e princiesas e demais personaxes. Por algo é a festa favorita dunha parte da poboación que espera ansiosa a súa chegada para permitirse actuar, por unha ou varias noites, como alguén totalmente distinto.

A antelación coa que a xente comeza a buscar o disfrace que lucirá esa noite é algo que sorprendeu a comerciantes como Loli, de Disfraces Novás, que asegura que "estábamos desmontando lo de Navidad y ya casi teníamos a la gente preguntándonos cuándo los íbamos a poner". Parece que a xente se toma moito máis en serio o Entroido, sobre todo os grupos de adultos, que para conseguir o look perfecto son dos primeiros que empezan a ollar tras a difícil elección.

Porque se algo está a cambiar estes últimos anos é que os nenos deixaron de ser o público principal destes comercios e cada vez son máis os adultos que se unen á diversión das festas e acoden ás tendas especializadas en busca do disfrace perfecto para eles ou para o seu grupo. Os máis maiores gastan unha media de entre 30 e 40 euros, bastante menos que a suma investida nos máis pequenos, aproximadamente uns 20 euros, pero varía segundo o disfrace. "Depende del capricho, los hay de todos los precios", conta Loli.

Como saídos dun cadro de Warhol, os disfraces inspirados no Pop Art apoderaranse das rúas da cidade durante a semana de festas se se cumpren as previsións de Melissa de Party Fiesta. O vintage está de moda tanto á hora de crear un disfrace personalizado como para elixir un en concreto: as referencias a Greaseou os emblemáticos Elvis Presley e Marilyn Monroe sitúanse entre os máis demandados, pero sen esquecer os máis tradicionais que prefiren vivir un día como superheroe, policía, ou, quen o ía a dicir, romper coa modernidade e comportarse, literalmente, como un auténtico troglodita.

Dende Party Fiesta comentan que hai xente que o toma máis en serio e por iso volveron a acudir a tendas especializadas. Os máis novos, conta Loli de Disfraces Novás "están volviendo al comercio local", polo que a pesar do que se poida crer, non senten a presión da competencia dos bazares chineses e descártano como posible ameaza, xa que non ofrecen a mesma especialización que os establecementos que elas atenden.

O Entroido está ao virar a esquina e máis vale que aqueles atrasados sen disfrace se vaian preparando para unhas festas que empezarán oficialmente o venres 24 de febreirocoa lectura do pregón na praza da Ferrería e finalizarán o sábado 4 de marzo co enterro da particular "sardiña" de Pontevedra, o loro Ravachol.

Arquivado en