PontevedraViva Radio estrea 'A min tamén me pasa', un podcast de psicoloxía e sexualidade con perspectiva de xénero

Pontevedra
22 de setembro 2022

Este próximo domingo 25 de setembro, PontevedraViva Radio emite o primeiro capítulo do novos podcast que contan con Carlos Márquez Barros, psicólogo sanitario e sexólogo

Carlos Márquez Barros, psicólogo sanitario e sexólogo, conducirá 'A mín tamén me pasa'
Carlos Márquez Barros, psicólogo sanitario e sexólogo, conducirá 'A mín tamén me pasa' / Mónica Patxot
'A mín tamén me pasa' /

A tempada 2022-23 de PontevedraViva Radio traerá novos podcast temáticos. O primeiro en presentarse é 'A min tamén me pasa', un programa sobre "as cousas do sentir" que conta co psicólogo sanitario e sexólogo, Carlos Márquez Barros. Lonxe de ser un podcast teórico, arduo de comprender e escoitar, son conversacións distendidas sobre temas e situacións comúns como o seu título lembra.

Quen non sentiu frustración, aburrimento, emocións negativas, ou medos? todos eles exporanse porque "falando enténdese a mente". De igual forma na súa faceta de sexólogo, Carlos Márquez falará de amor, de parella, de sexualidade desde a perspectiva de xénero, de mitos de amor romántico, de celos, de identidades..., en definitiva, "normalizar asuntos que poden resultar perturbadores, pero que falándoos, descubrimos que nos pasa a tod@s".

Para que saibas que estamos anticipando, achegamos un teaser do que será o primeiro dos capítulos de 'A min tamén me pasa' no que falamos dunha síndrome e un trastorno que poden producirse no mes de setembro coa volta ás obrigacións e o comezo do outono. Seguro que mentres escoitas o avance e o programa completo, dirás o nome do podcast.

Xa coñeces a primeira das novidades de PontevedraViva Radio, non perdas atención porque en breve avanzaremos outro dous podcast temáticos que se engadirá á nova tempada e que tamén contarán cunha persoa formada nos contidos que  ofreceremos.