PontevedraViva lanza un novo portal cun deseño máis accesible, elegante e moderno

Pontevedra
08 de outubro 2024
Actualizado: 16:14

O xornal renova a súa imaxe, tanto na súa versión para computadores como en dispositivos móbiles, para seguir á vangarda, apostando por unha presentación moderna e máis facilidade de lectura

pontevedraviva
pontevedraviva /

Se hoxe, 8 de outubro, entraron en PontevedraViva atopáronse cun portal totalmente diferente. Completando o proceso de renovación iniciado co lanzamento da nosa nova identidade, este xornal abre unha nova etapa.

Iso si, diante súa está a PontevedraViva de sempre. A que informa sobre o que pasa en Pontevedra e a súa área de influencia. Pero cunha presentación máis elegante e limpa, deseñada para que a experiencia das persoas que nos visitan sexa máis agradable e accesible.

Este proceso de renovación, que dirixiu a empresa BAB, supuxo máis dun ano de traballo e permitirá que o xornal poida adaptarse aos novos hábitos de lectura e de navegación por internet, así como aos retos que o xornalismo ten por diante.

A versión principal de PontevedraViva, a que se pode consultar en formato escritorio en calquer computador, preséntase dunha forma máis ordenada para favorecer unha maior legibilidad dos seus contidos e unha xerarquía máis clara.

Así, a través dos seus dous menús superiores, os lectores poderán ir directamente ao contido que máis lles interese, tanto por temáticas e seccións, como por localidades, que neste novo portal adquiren aínda un maior protagonismo no xornal.

A partir de aí, PontevedraViva presentará todos os seus contidos dunha forma máis accesible e clara, eliminando elementos gráficos innecesarios e outorgando todo o protagonismo ás informacións e ás imaxes que, nesta nova web, adquiren máis relevancia.

Constrúese así unha portada máis organizada e versátil que, xunto cun deseño máis limpo e ordenado, axudará a que os nosos lectores e lectoras poidan atopar o contido que están a buscar dunha forma rápida e intuitiva.

Xunto cun formato máis flexible, que permitirá a incorporación de novas seccións, outra das claves da nova PontevedraViva é o cambio da tipografía, apostando polo uso da familia Red Hat Display, a mesma que empregamos na nova identidade corporativa.

É unha fonte redondeada sen terminacións que ten un estilo forte e atemporal que combina bordos máis suavizados con liñas rectas. É compatible tanto en formatos físicos como dixitais, o que nos achega flexibilidade e consistencia a todo o xornal.

A todo iso súmase que, a partir de agora, PontevedraViva será un xornal responsive, é dicir, axustarase a todo tipo de dispositivos móbiles a través dunha versión propia e inclusiva que replica todo o xornal pero cun formato adaptado a calquera pantalla.

En definitiva, cambios todos eles que foron pensados para que PontevedraViva siga sendo unha referencia informativa en Pontevedra e a súa área metropolitana, sumando esta nova estética ao mesmo compromiso polo rigor, a información e a inmediatez.