PontevedraViva exhibe a súa nova imaxe, máis dinámica e moderna

Pontevedra
02 de outubro 2024

Este martes, 1 de outubro, coincidindo co seu 12 aniversario, o xornal presentou a súa nova imaxe e unha páxina web renovada, que os lectores poderán coñecer a partir do vindeiro luns, 7 de outubro. Foi nun acto no Teatro Principal ante autoridades, colaboradores e representantes a sociedade pontevedresa

Acto de presentación da nova imaxe e a nova web de PontevedraViva
Acto de presentación da nova imaxe e a nova web de PontevedraViva / Mónica Patxot

PontevedraViva empeza a escribir unha nova páxina da súa historia. Este martes, 1 de outubro, coincidindo co seu 12 aniversario, presentou a súa nova imaxe e unha páxina web renovada, que os lectores poderán coñecer a partir do vindeiro luns, 7 de outubro. 

A presentación oficial realizouse nun acto celebrado na sala multiusos do Teatro Principal ao que asistiron traballadores e traballadoras do medio, colaboradores e colaboradoras que durante estes 12 anos fixeron posible o xornal, autoridades e representantes da sociedade civil de Pontevedra e a súa área de influencia. 

Entre os asistentes, atopábanse o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e os alcaldes de Pontevedra, Marín, Poio, Cerdedo-Cotobade, Barro, Soutomaior e Moraña, Miguel Anxo Fernández Lores, María Ramallo, Ángel Moldes, Jorge Cubela, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Manu Lourenzo e Sito Gómez.

Tamén acudiron o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o líder autonómico do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro; a senadora do BNG Carme da Silva; a deputada do PSOE Marica Adrio; así como outras autoridades civiles e militares, representantes do mundo empresarial e de entidades deportivas e sociais da cidade.

Tras doce anos de vida, en PontevedraViva pensamos que tocaba renovarse para seguir crecendo, mirar cara o futuro sen renunciar á nosa historia e traxectoria. E, nesta nova etapa, o equipo deste xornal tiña claro que quería contar con todos aqueles que fixeron posible que chegaramos ata aquí, que axudaron a construír este proxecto. 

Igual que Pontevedra dá de beber a quen pasa, o noso obxectivo será seguir dando de ler a quen pasa, pero dun xeito diferente, máis acorde cos tempos que corren, de forma máis dinámica e moderna. 

Esta nova etapa comeza por unha nova imaxe que recolle a esencia de PontevedraViva. Cercana, orixinal, moderna e, sobre todo, cos pés na nosa terra.

Son os valores que queremos transmitir e así o explicaron durante o acto de presentación os responsables do proxecto, Quico Domingo, do equipo da compañía Mortensen, que foron os que deseñaron a marca; e Gerard Artés, de BAB, empresa encargada da nova web, que leva dúas décadas facendo crecer a comunidade de medios de comunicación na internet.

O acto rematou cun saboroso aperitivo que preparou para esta velada o equipo dun dos mellores cociñeiros que temos nesta cidade, Iñaki Bretal, de O Eirado.

A nova web de PontevedraViva, na que levamos meses traballando, estará dispoñible para o público a partir do luns 7 de outubro. De momento, xa a coñece unha representación da sociedade e dos lectores de Pontevedra e a súa área de influencia.