PontevedraViva e Diario de Pontevedra, referentes a nivel mundial pola agresión a Rajoy

Pontevedra
17 de decembro 2015

Os medios locais PontevedraViva e o Diario de Pontevedra convertéronse durante as últimas horas en referente para as principais televisións, xornais e axencias de noticias de ámbito nacional e mesmo internacional ao ser os únicos que tiñan recollido imaxes da agresión a Mariano Rajoy 

Óskar Viéitez, xornalista de PontevedraViva, entrevistado no programa de Ana Rosa
Óskar Viéitez, xornalista de PontevedraViva, entrevistado no programa de Ana Rosa / Tele5

Ana Rosa Quintana conectaba a primeiras horas da mañá cunha unidade do seu programa desprazada á praza da Ferrería. Desde alí mantiñaunha entrevista co xornalista de PontevedraViva, Óskar Viéitez, para coñecer con todos os detalles como se produciu a agresión a Mariano Rajoy durante a visita que realizaba durante este mércores pola cidade.

Durante a intervención do redactor pontevedrés, El Programa de AR de Telecinco púxose en contacto co presidente do Goberno en funcións, que xa se atopa en Barcelona e en boas condicións para continuar coa fase final da campaña. A continuación, os interlocutores do programa como Monserrat Domínguez seguiron conversando con Óskar Viéitez. Diversas programas de televisión continuaron ao longo da mañá solicitando a intervención do xornalista que se atopaba no lugar do incidente para coñecer a súa versión dos feitos. 

Ao mesmo tempo, esta mañá a prensa escrita, non xa só nacional senón tamén internacional, ofrecía as imaxes do rostro desfigurado de Rajoy tras o impacto. Unhas imaxes que obtivo a fotógrafa de PontevedraViva, Mónica Patxot e que foron ofrecida por televisións, xornais e medios da internet.

Por outra banda, minutos máis tarde, Susanna Griso en Espejo Público de Antena 3 entrevistaba a Santy Mosteiro, o xornalista do Diario de Pontevedra que realizaba a gravación do vídeo no que se vía ao menor de idade golpeando ao candidato do Partido Popular ao Goberno, e que tamén foi reclamado por numerosos medios de comunicación estatais para ofrecer a súa versión do acontecido.

Desta forma,PontevedraViva e o Diario de Pontevedra convertíanse en referente para todas as grandes cadeas e principais medios de comunicación. Mesmo páxinas especializadas en fotografía como Quesabesde analizan a alteración por parte de grandes medios escritos para destacar os efectos da puñada ao presidente comparándoas coas fotografías orixinais de Mónica Patxot publicadas en PontevedraViva.

Ademais, as redes sociais tamén reflectiron a importancia que ten o xornalismo local para poder recoller, dunha maneira obxectiva, este tipo de incidentes.