Pontevedra promociónase en Londres para atraer turismo estranxeiro

Pontevedra
06 de novembro 2024
Actualizado: 7:04

O presidente da Deputación, Luis López, acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro; establecen contactos con axentes e representantes de distintos territorios para seguir avanzando na internacionalización do turismo

Delegación pontevedresa na WTM de Londres
Delegación pontevedresa na WTM de Londres /

A Deputación de Pontevedra promociona as estratexias de desestacionalización e atracción de turismo estranxeiro do destino Rías Baixas na Feira World Travel Market (WTM) London.

Trátase dunha cita exclusivamente profesional que este ano alcanza a 45ª edición.

Ao longo das xornadas deste martes e mércores, o presidente provincial Luis López, que está na capital inglesa acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, está a establecer contactos con operadores, medios de comunicación, alcaldes e alcaldesas de diversos territorios neste evento global co obxectivo divulgar os diversos atractivos da provincia e fomentar a captación de visitantes internacionais.

A WTM London está considerada como unha das feiras de maior repercusión a nivel mundial na que están representados máis de 5.000 destinos.

O mercado británico, quinto en visitantes e tamén en peregrinos, interésase polo noso patrimonio, a enogastronomía, o turismo urbano e a paisaxe.

A demanda para viaxar a España é cada vez maior no mercado británico, sendo Galicia un dos seus destinos predilectos polo seu patrimonio cultural, paisaxe, enogastronomía, Camiños de Santiago, turismo urbano, natureza, clima suave e a busca de experiencias distintas lonxe doutros destinos masificados. Os turistas británicos valoran sobre todo a accesibilidade ao destino, a seguridade e a boa relación calidade-prezo.

WTM de Londres
WTM de Londres

A oferta das Rías Baixas está centrada no patrimonio natural e cultural coas que captar o interese de axentes internacionais que permitan consolidar á provincia como un destino turístico sustentable e atractivo os 365 días do ano, así como manter a tendencia á alza das cifras de visitantes estranxeiros rexistrada neste verán do 2024, onde o turismo internacional medrou nun 27,4 % con respecto ao pasado 2023.

En 2023 incrementouse o 16% o número de turistas británicos, representando o 5,5% do turismo internacional en Galicia.

Segundo o INE, o pasado ano 2023, o mercado británico rexistrou arredor de 130.000 turistas que xeraron 930.000 mil pernoctacións en Galicia, cifras que superan nun 16% e 10%, respectivamente, os valores de 2022. Isto tradúcese nun peso do mercado británico que representa o 5,5% do total do turismo internacional da Comunidade, ocupando a quinta posición en orde de importancia por detrás de Portugal, Francia, Alemaña e Países Baixos.

Ademais, no que vai de ano, un total de 12.887 británicos fixeron o Camiño, isto é un 22,5% máis que os que o fixeron en todo o ano 2023, ocupando tamén a quinta posición por orixe internacional de peregrinos, tras EE.UU, Italia, Alemaña e Portugal.