Pontevedra volverá ser 'de película' a partires deste sábado

Pontevedra
19 de decembro 2013

O reformado complexo cinematográfico denomínase Cinexpo e conta coa última tecnoloxía en proxección, dúas salas con 3D, outras dúas con butacas vibratorias e unha sala Vip, segundo avanzaron os socios propietarios. Nove empregados traballarán nestas novas instalacións

Sala Vip de Cinexpo
Sala Vip de Cinexpo / Mónica Patxot

Este sábado, 21 de decembro, volve o cine a Pontevedra. Tras seis meses co espazo de Vialia pechado, as instalacións xa contan cun renovado complexo cinematográficopertencente ao Grupo Galicine tras finalizar os trámites da licenza urbanística que mantén as oito salas de proxección da anterior concesionaria pero coa incorporación de tecnoloxía de última xeración con proxectores dixitais 2 k. Todo informatizado e con conexión para emisións vía satélite.

O presidente do Grupo Galicine, Severino Pato, acompañado polo seu socio Miguel García, mostraron aos medios de Pontevedra estas novas instalacións que contarán con dúas salas con 3D, dúas salas con butacas vibratorias, unha sala VIP caracterizada pola súa especial comodidade e o sistema HFR de proxección de 48 fotogramas por segundo en todas as salas.

Severino Pato sinalou, ademais, que o prezo está adaptado á cidade. A entrada normal será de 7,20 euros mentres que o reducido se situará en 6,20. "Es el precio más bajo de las ciudades gallegas", indicou Pato. Aqueles afeccionados ao cine que o desexen poderán facerse socios 'Fidelize' de xeito gratuíta, esta tarxeta suporá descontos tanto no despacho coma no bar dos cines que contan tamén cunha tenda de lambetadas 'Pica Pica'.

Mantense o aforamento anterior que roldaba as 1.500 butacas que foron renovadas completamente. Severino Pato calcula que cunha asistencia de ao redor de 17.000 espectadores ao mes, estas salas de Pontevedra volverán ser rendibles. "Históricamente, Pontevedra pasaba de los 20.000 espectadores", manifestou. E nese sentido sinalou que farán un esforzo para ofrecer unha programación variada pero tamén aclarou que "o barómetro son os despachos". En todo caso, teñen previsto ofrecer estreas de películas, óperas en directo e cilcos de cine clásico.

Nove empregados traballarán nestas instalacións pero o empresario non quixo contestar á pregunta de se algún pertencía ao anterior equipo de Cinebox. Severino Pato limitouse a dicir: "la pregunta no es pertinente".

Sete películas comezaranse a proxectar neste complexo que se denomina Cinexpo a partir da tarde do sábado 21: as versións en 2D e 3D do Hobbit, Vaya pavos "Free Birds", Sobran las palabras, Futbolín, Lluvia de Albóndigas 2, Frozen "El Reino del Hielo" e 3 Bodas de más.

Arquivado en