Os veciños de Pontevedra están chamados a saír á rúa o vindeiro venres 11 de agosto en recordo de Sonia Iglesias, a moza desaparecida hai xa sete anos sen deixar rastro e da que non se atoparon pistas a pesar de que o seu caso segue aberto na Comisaría da Policía Nacional.
A manifestación con motivo do sétimo aniversario da desaparición de Sonia Iglesias Eirín está convocada para as 21.30 horas na praza da Ferrería e está previsto que percorra, como xa é habitual en cada protesta destas características, varias rúas do centro, deténdose ante a tenda Massimo Dutti da rúa Benito Corbal na que traballaba como encargada da planta superior cando desapareceu.
A familia de Sonia non cesou no seu empeño por localizala desde que desapareceu o 18 de agosto do 2010, cando tiña 38 anos e un fillo de oito. Non quixeron que a súa memoria caia no esquecemento nin que deixe de investigarse.
A súa pista pérdese despois de acudir a unha zapatería na rúa Arcebispo Malvar e, a pesar de que se realizaron batidas veciñais e policiais por todo Pontevedra e arredores e de que a Policía Nacional despregou un amplo operativo de procura, nunca foi localizada nin apareceron pistas.
O caso está arquivado xudicialmente de forma provisional. Nestes sete anos chegou a haber unha persoa imputada pola súa presunta detención ilegal, a súa parella sentimental no momento da desaparición, Julio Araújo, que tamén foi a última persoa en vela antes da súa desaparición. Con todo, na actualidade, está fóra de sospeita, pois a causa arquivouse ante a falta de probas contra el.