A terceira edición de Etiqueta Negra, a feira dos produtos gourmet galegos, xa está á volta da esquina. O Recinto Feiral de Pontevedra volverá a acoller, un ano máis, este evento gastronómico. Será entre os días 10 e 12 de novembro, segundo veñen de confirmar os seus organizadores.
Etiqueta Negra pretende amosar tanto a ampla variedade de alimentos e bebidas de alta calidade que se están facendo en Galicia, como os procesos de innovación de novos produtos, sabores e envases.
A feira volverá reunir nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.
Nela estarán, avanzan os seus responsables, con máis de 70 produtores galegos e con chefs de renome que triunfan na alta restauración como Pepe Solla, Lucía Freitas e Iñaki Bretal.
Antes de que chegue esta cita, Etiqueta Negra presentarase en Barcelona. Será nun acto que terá lugar este mércores 19 de setembro no Centro Galego da cidade condal.
Barcelona é un mercado moi interesante para Etiqueta Negra. A restauración galega ten moito prestixio na cidade e hai, incluso, tendas gourmet exclusivas de produtos galegos e unha gran tradición culinaria e gastronómica.
Así, a feira busca organizar unha xuntanza con profesionais do sector no que estarán restauradores, propietarios de establecementos gourmet, empresarios, distribuidores ou blogueiros. Á presentación acudirá a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías.
A xornada en Barcelona comezará coa presentación de "Encamiñadas: Pontevedra e a Mancomunidade do Salnés", unha intervención na que se abordará o modelo de cidade de Pontevedra, a importancia do camiño na cidade e a súa variante espiritual, que une o Camiño Portugués e a Ruta do Mar de Arousa.
Ás 12.30 horas está prevista a presentación de Etiqueta Negra e, a continuación, unha degustación dalgúns dos produtos que se poderán mercar na feira no mes de novembro.