Pontevedra volve debater en pro da normalización lingüística

Pontevedra
21 de xaneiro 2015

O Concello únese por cuarto ano consecutivo ao o Club de Debate, un programa no que participan nove concellos galegos a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) co que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego oral ou o pensamento crítico. Ames, O Carballiño, Carballo, Ferrol, Negreira, Rois, Santiago de Compostela e Teo son o resto de participantes deste ano

O concelleiro Demetrio Gómez cos participantes do IES Luís Seoane no Club de Debate
O concelleiro Demetrio Gómez cos participantes do IES Luís Seoane no Club de Debate

Pontevedra volverá debater en pro da dinamización lingüística ao unirse por cuarto ano consecutivo ao Club de Debate, un programa no que participan nove concellos galegos a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) co que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego oral ou o pensamento crítico.

Ames, O Carballiño, Carballo, Ferrol, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo asinaron este mércores en Carballo a addenda ao protocolo de colaboración co que se organiza este proxecto desde o curso 2011-2012.

A participación confirmada para esta cuarta edición é de 23 equipos mixtos e máis de 200 rapaces de entre Terceiro da ESO e Primeiro de Bacharelato ou ciclos formativos de 16 centros de ensino.

Cada un dos equipos participantes está formado por entre 4 ou 10 rapaces menores de 18 anos, sempre mixtos e coordinados por un preparador, figura que ocupará  un docente do centro de ensino.

Todos os grupos participarán previamente aos debates nunha xornada de formación que en cada zona ou localidade ten lugar nunha data distinta, pero que xa servirá para repasar as normas de competición e practicar habilidades comunicativas útiles para os debates, ademais de ser a primeira ocasión en que equipos distintos se coñezan e interactúen poñendo en práctica un dos obxectivos do programa: a creación de contextos favorables ao uso da lingua galega.

 A continuación, a competición organízase en tres fases de zona e nunha final galega, que se celebrará o 26 de abril no Pazo da Cultura de Carballo. O tema escollido para esa final galega é 'Herdamos o galego, temos que transmitilo'.

Este Club de Debate é un proxecto cooperativo xestionado polos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos organizadores que procura favorecer o uso da lingua galega por parte da mocidade, especialmente de xeito oral e tanto en contextos formais como informais. Diríxese a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización lingüística, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de fomentar a lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).