Logo do XXI Memorial Ricardo Portela en tempos de Covid-19, a programación de festas do verán de "Pontevedra vívese" continúa esta semana cunha oferta creada expresamente para esta edición: 'Artes vivas: música, teatro, danza e poesía'.
Por iso, dende este luns comezan as novidades da programación. Estréase espectáculo: 'Artes vivas', que trata de combinar distintas expresión artísticas e literarias da man de artistas locais e galegos. Ademais, tamén se estrea novo escenario: as pistas deportivas de Campolongo.
A primeira cita de 'Artes vivas' é na praza da Ferraría onde ás 21.30 horas FAIA porá en escena 'Ao cabo leirín', música e tradición oral. E ás 22.00 horas, nas pistas de Campolongo actúa Epístola de Aldaolado, combinando poesía e música. Ademais, durante toda a xornada, están previstas pasarrúas. Pola mañá no barrio de Campolongo e pola tarde no centro histórico a cargo da charanga Mil9.
Todas as actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica.
Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control... Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar. A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra. A entrada ao recinto abrirase unha hora antes para que as persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas. En todos os espazos escénicos haberá unha única porta de entrada.
O público deberá pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deberán levar máscara, limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que haberá no espazo acoutado.
Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto. Ao remate, a Concellaría habilitará dúas saídas en cada un dos espazos, que estarán en lugares opostos á entrada.