Pontevedra, Vilagarcía, Bueu e Cuntis, primeiras áreas galegas nas que se crearán "zonas de inundación controladas"

Pontevedra
09 de decembro 2024

No caso da Boa Vila, suporía a creación dunha zona de laminación controlada no río Valdecorvos. Nesta actuación o Concello xa ten traballado nun proxecto, polo que podería ser o primeiro en executarse

Inundación na rúa Fernando Olmedo
Inundación na rúa Fernando Olmedo / Policía Local de Pontevedra

Protexer áreas sensibles e reforzar a resposta ante choivas intensas. Esta é a principal liña de traballo que impulsará a Xunta de Galicia en sete concellos galegos durante o ano 2025, entre eles os de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Bueu e Cuntis.

Pontevedra e Vilagarcía, segundo o informe de Augas de Galicia, son xunto con Vigo, as cidades galegas con maior risco de sufrir inundacións. En Bueu e Cuntis, pola súa banda, o goberno galego considera que este tipo de intervencións poden resultar máis efectivas.

A medida proposta será crear zonas de inundación controlada para protexer determinadas áreas do territorio particularmente sensibles a este fenómeno.

A Xunta destinará dous millóns de euros para redactar estes primeiros proxectos, cos que se habilitarán espazos naturais que, en caso necesario, actúen como amortecedores de posibles inundacións cada vez máis intensas debido á emerxencia climática.

En concreto, as propostas específicas para a xestión de riscos de inundación inclúen a creación dunha zona de laminación controlada no río Valdecorvos, ao seu paso por Pontevedra.

Nesta actuación o Concello xa ten traballado nun proxecto, polo que, de alcanzarse un acordo co goberno municipal, podería ser o primeiro en executarse, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á xuntanza semanal do seu goberno.

No caso de Vilagarcía, os puntos propostos como refuxios inundables estarían no río do Con e no rego de Leiro, respectivamente.

A zona de inundación controlada prevista no caso de Bueu estaría no río Bispo e con respecto á proposta para Cuntis os traballos consistirían na renaturalización da canle fluvial do Gallo e na creación dunha zona de asolagamento controlado na súa marxe dereita.

Para ofrecer a mellor resposta no menor tempo posible, Augas de Galicia proporá traballar nas zonas de inundación controlada e, de forma paralela e integrada, seguir avanzando no aproveitamento das zonas verdes en contornas urbanas como barreiras naturais de protección.

Por iso, o próximo ano prevese unha segunda liña de traballo prioritaria neste eido: a creación de corredores fluviais verdes co fin de empregar a vexetación de ribeira para reducir o risco de inundación en zonas sensibles.

Cun orzamento estimado para 2025 de un millón de euros, a idea é manter e reforzar a vexetación propia destas áreas, medida que fai que en caso de avenidas as canles se manteñan estables e non leven terra cara ás desembocaduras e ademais, habilitan pulmóns verdes urbanos.