Pontevedra viaxará a Fitur como potencia gastronómica

Pontevedra
10 de xaneiro 2022

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presentou a estratexia de Pontevedra para a Feira Internacional de Turismo que se celebrará en Madrid entre o 19 e o 23 de xaneiro e na que o Concello confía en que lle concedan o títutlo de Capital Española da Gastronomía

Presentación da campaña do Concello de Pontevedra para Fitur 2022
Presentación da campaña do Concello de Pontevedra para Fitur 2022 / Mónica Patxot

A Feira Internacional de Turismo celébrase en Madrid entre o 19 e o 23 de xaneiro. E no pavillón de Galicia estará Pontevedra, que presentará ao mundo a súa proposta centrada nos eixos da gastronomía, a celebración de eventos deportivos e o seu compromiso coa natureza e espazos verdes o día 21 ás 12.30 horas. Farao a través dun vídeo que aínda non viu a luz e tamén como posible capital española da gastronomía, título ao que é candidata e que se dará a coñecer nas próximas datas.

A concelleira de Turismo e Promoción Económica, Yoya Blanco, desvelou que o slogan da campaña pontevedresa en Madrid será "non todo vai ser sufrir" e irá acompañado do hashtag #VenaPontevedra.

Aínda que a proposta non descoidará o traballo realizado en organización de eventos deportivos nin na mellora dos espazos verdes, a gastronomía será o elemento vertebrador de toda a campaña. Unha idea que dará continuidade ao proxecto de Capital Gastro posto en marcha o pasado ano e que podería coroarse co nomeamento, agora en mans de Sanlúcar de Barrameda, da Boa Vila como capital española da gastronomía. Un distintivo que entrega cada ano a Federación Española de Xornalistas e Escritores de Turismo (Fepet) e á que aspira a converterse Pontevedra no 2023.

Na presentación da candidatura participou tamén o concelleiro de Desenvolvemento Sostíbel, Iván Puentes, para explicar que Pontevedra fará fincapé no traballo realizado tanto para a recuperación de espazos verdes na cidade, como para a dotación de novas zonas naturais. En particular, destacarán a riqueza paisaxística de enclaves como a Xunqueira de Alba ou o proxecto de vía verde entre a capital e Vilagarcía.

Para falar sobre Deportes compareceu tamén o responsable desta carteira, Tino Fernández. A celebración no 2023 en Pontevedra da final das World Series de Tríatlon centrará toda a atención neste apartado, algo que a delegación pontevedresa aproveitará para remarcar a súa capacidade para a organización de grandes eventos deportivos. "Temos experiencia e prestixio", dixo Fernández, lembrando ademais que haberá máis eventos internacionais de loita ou ciclismo, así como múltiples probas de ámbito nacional.

Arquivado en