O goberno municipal asumía que a Xunta de Galicia endurecería as restricións ante o avance da pandemia. A (aparentemente) imparable terceira onda está a causar estragos e segundo os expertos o motivo foron as reunións familiares en Nadal.
Por iso, desde o Concello consideraban que era "previsible" esta nova situación na que entrará Galicia a partir deste venres. Aínda que, por agora, en Pontevedra apenas haberá cambios ao manterse no nivel medio-alto de alerta.
A hostalería poderá seguir abrindo ata as seis da tarde, cun aforo do 50% nas súas terrazas e do 30% no interior. Os comercios terán que pechar ás 21:30 horas e o toque de queda adiantarase, como no resto da comunidade, ás dez da noite.
As reunións sociais seguirán limitadas a catro persoas como máximo aínda que, como novidade, a partir das seis da tarde estarán restrinxidas a conviventes. Ademais, Pontevedra pasará a estar pechada de maneira perimetral en solitario. Xa sen Marín e Poio.
A día de hoxe, os casos activos por covid-19 en Pontevedra ascenden a 171. Son seis máis que onte. Isto sitúa a incidencia acumulada a 14 días en 179 casos por cada 100.000 habitantes. É a segunda menor entre as grandes cidades galegas. Só Lugo mellora estes datos con 128.
Tras coñecer as novas restricións, a edil Carme da Silva, en nome do goberno municipal, esixiu á Xunta de Galicia que "simultaneamente" a estas medidas aprobe axudas "inmediatas" para os sectores máis afectados por estas limitacións.
"Desde o Nadal xa sabían perfectamente que íamos a ter esta vaga", asegurou Da Silva, polo que entende que "tiveron tempo" para organizar estas axudas. "Non sería de recibo que non sexa así", engadiu.