"Decepcionante". Así cualifican desde o Concello de Pontevedra a proposta da Xunta para facer comarcal o parque municipal de bombeiros. Entenden que o goberno galego "só busca ampliar o que xa existe" e que Pontevedra asuma "todas as obrigas" derivadas da súa propiedade e xestión a cambio dunha "insuficiente" achega económica.
O estudo presentado ao goberno municipal polo director xeral de Emerxencias, Luís Menor, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, recolle que o parque de bombeiros de Pontevedra pase a atender doce municipios, prestando servizo a unha poboación de máis de 172.000 habitantes.
Esta actuación sería directa nos municipios de Barro, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Vilaboa; mentres que exercería como recurso complementario a outros servizos xa existentes para as localidades de Caldas de Reis, Meis e Portas -que teñen como referencia o parque de Ribadumia- e para Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade.
Para corrixir as actuais "zonas de sombra" nestes dous últimos concellos, explicou Menor, a Xunta expón a construción dun parque novo dependente do Consorcio Provincial de Bombeiros, participado polo goberno galego e a Deputación, que ademais atendería á Lama e Forcarei. Estaría situado, en principio, en Cotobade.
O director xeral explicou que para dar cobertura a estes concellos, o parque de Pontevedra debería contar con cinco persoas máis por quenda, o que obrigaría a unha ampliación do persoal actual.
O estudo cifra en 500.000 euros a achega económica que recibiría Pontevedra, a partes iguais entre Xunta e Deputación, para que esta comarcalización "non supoña ningún custo adicional" para a cidade de Pontevedra, de quen seguiría dependendo este servizo "sen poñer nada a maiores".
A Xunta asegura dispoñer xa do financiamento necesario para que esta nova estrutura poida estar operativa "a principios do ano que vén", pero en todo caso Luís Menor entende que, en función das necesidades que se establezan ou as contratacións que se teñan que realizar, este horizonte temporal pódese demorar.
Pero ao Concello de Pontevedra non lle saen as contas. O custo actual do servizo de bombeiros, lembran, ascende aos 3,5 millóns de euros ao ano, polo que para unha ampliación que supón duplicar a poboación atendida e cubrir unha superficie "moito maior" que a actual, os 500.000 euros orzados "non se corresponden" coa realidade.
O aumento de cinco bombeiros por quenda, explicou Carme da Silva, supón ampliar o persoal actual en "polo menos" 25 persoas.
Ademais, sinalou que este "parque municipal ampliado" deixaría en mans de Pontevedra "toda a responsabilidade" sobre este servizo en doce concellos, incluídas as obrigacións de persoal, material ou mantemento. É unha proposta, engadiu, que "non é o que agardábamos" cando a Xunta falaba da comarcalización do parque.
Da Silva agradece, en todo caso, a "boa intención" do goberno galego ao achegar unha proposta "seria aínda que non o pareza" e pediulles que fagan chegar ao Concello un borrador de convenio para que poida ser estudado polos servizos económicos e xurídicos municipais.