Para o goberno municipal de Pontevedra, os recoñecementos ao modelo urbano da Boa Vila son "a mellor campaña de marketing", como destaca o alcalde. Por iso, partindo desa premisa, o Concello deseñou unha campaña para dar un "paso adiante" na promoción da cidade.
Será a través da iniciativa 'Efecto PO2', a partir da que Pontevedra quere situarse como una "cidade segura" tanto para os propios cidadáns como entre os seus visitantes, "aproveitando as referencias internacionais da cidade", segundo Miguel Anxo Fernández Lores.
Con esta campaña, Pontevedra que "poñer en valor a nosa vantaxe respecto á seguridade do noso espazo público", engade o alcalde, unha cuestión que "preocupa a toda a sociedade" como consecuencia da realidade derivada da crise sanitaria do coronavirus.
Nesta cidade, defende Fernández Lores, "non tivemos que facer cousas a correr" para que os cidadáns ocupen o espazo público "porque xa tiñamos o traballo feito", algo que permitiu que a cidade "sexa unha extensión do noso fogar".
Agora, o Concello quere explotar esa vertente e que sirva para "afianzar" a posición da cidade no ámbito nacional e internacional "e seguir atraendo á xente a Pontevedra", tanto desde o punto de vista turístico como para fomentar o aumento da poboación.
A campaña arrancou cuns carteis específicos que, situados en varios puntos da cidade, animan a manter hábitos saudables e recordan o último premio recibido por Pontevedra, o Urban Road Safety Award, concedido recentemente pola Comisión Europea.
Ademais haberá accións de rúa nas que o lema '- CO2 + PO2 Espazo público san e seguro' estará escrito en distintos espazos da cidade cunha tinta especial para facer visible que canto máis nos movamos coa nosa enerxía máis contribuímos a borrar a pegada contaminante.
Esta campaña incluirá tamén unha iniciativa que, baixo a denominación de 'Faladoiros a dous metros', proporá diálogos entre o alcalde e persoeiros destacados sobre o deseño urbano, "para camiñar cara a cidade que queremos ser", segundo explica Anabel Gulías.
Por último, tres pezas audiovisuais que xa comezaron a gravarse acompañarán a promoción exterior da cidade noutras urbes do Estado. Nelas participarán "prescriptores externos e moi coñecidos" para reforzar a imaxe de Pontevedra e atraer o maior número de turistas posibles.