Pontevedra, unida pola dor e a rabia: "Conchi, no noso corazón para sempre"

Pontevedra
26 de outubro 2015

Ese foi o berro unánime dos centos de pontevedreses que se concentraron diante da Audiencia Provincial este luns para mostrar a súa repulsa a un asasinato, o desta veciña de Ponte Sampaio, ao que moitos aínda non lle atopan explicación e esixir que a xustiza actúe contra o autor confeso do crime, José Antonio Lusquiños Bustelo, coñecido como 'Coco', a súa ex parella sentimental

Concentración en Pontevedra polo asasinato machista de Conchi Reguera
Concentración en Pontevedra polo asasinato machista de Conchi Reguera / Mónica Patxot

"Conchi, no noso corazón para sempre". Ese foi o berro unánime dos centos de pontevedreses que se concentraron diante da Audiencia Provincial este luns para mostrar a súa repulsa a un asasinato, o desta veciña de Ponte Sampaio, ao que moitos aínda non lle atopan explicación e esixir que a xustiza actúe contra o autor confeso do crime, José Antonio Lusquiños Bustelo, coñecido como 'Coco', a súa ex parella sentimental.

Nin sequera a choiva que caía incesante na cidade logrou embazar unha sentida homenaxe na que participaron tamén numerosos veciños, amigos, achegados e familiares da vítima, chegados desde Ponte Sampaio en coches particulares e varios autobuses fretados para a ocasión. Todos eles estiveron acompañados na súa dor e na súa rabia por unha ampla representación da sociedade Pontevedra.

Durante a concentración, Estrella -veciña de Ponte Sampaio- foi a encargada de proceder á lectura dun emotivo e duro manifesto no que a Plataforma Feminista Galega de Pontevedra, asociación que convocara este encontro, lembraba que "un home entolecido matou a Conchi, un home que considerou que era dono da súa vida e arrincoulla".

Pero este colectivo insiste en que non se trata dunha "tolemia calquera", senón a dunha parte da sociedade que "segue a perpetuar o dominio do home sobre a muller", e non só no amor, senón en todos os ámbitos da vida porque, lembraron, "un asasinato comeza moito antes" e só salvaranos desta "barbarie" unha nova forma de pensar e unha aposta decidida pola igualdade entre homes e mulleres.

"Quen educa ás raparigas na submisión ante os mozos tamén comparte esta loucura, quen critica a unha muller que decide libremente a súa sexualidade tamén colabora, quen acepta que unha muller cobre menos que un home polo mesmo traballo comparte esta loucura", sinalaron, continuando con que cando non nos rebelamos contra estas cuestións "damos pé a que anden pola nosa vida persoas que cren ter dereitos sobre outras persoas".

A concentración finalizou nomeando a todas as vítimas da violencia machista no noso país durante este ano 2015, cun minuto de silencio polos últimos asasinatos e cun aplauso pola memoria de todas estas mulleres que perderon a vida a mans das súas parellas, especialmente a de Conchi Reguera, unha persoa que "sabía que as persoas somos libres e ela tamén".

INDIGNACIÓN EN CONCELLO E DEPUTACIÓN

O berro de indignación e rabia pola morte de Conchi tamén atopou eco este luns nas principais institucións da cidade.

Membros da corporación municipal, funcionarios e veciños de Pontevedra concentráronse este mediodía diante das dependencias administrativas do Concello, na rúa Michelena. Tras gardar cinco minutos de silencio en memoria da vítima deste novo crime machista, o alcalde sinalou que entre todos "temos que cambiar a mentalidade da xente" e apostar polo respecto a todas as persoas "independentemente do seu xénero".

Miguel Anxo Fernández Lores afirmou que todo o mundo "ten dereito a vivir á súa maneira" e que debemos respectar as decisións que tome cada un. Neste sentido, reiterou que este tipo de comportamentos violentos "debe rematar" para o que, dixo, é necesario unha maior educación social. Ademais, esixiu ao Goberno que se aproben medidas lexislativas "que persigan este tipo de delitos que son vergoñentos no século XXI".

Ante a Deputación, na avenida Montero Ríos, tamén houbo un acto simbólico de repulsa ante o asasinato desta pontevedresa a mans da súa ex parella sentimental. Alí, a presidenta da institución provincial lembrou que, con Conchi Reguera, son xa cinco as mulleres que morreron este ano na provincia pola violencia de xénero. "Non podemos seguir así, é un escándalo", asegurou Carmela Silva.

Visiblemente emocionada, Carmela Silva subliñou que este tipo de concentracións son necesarias para visibilizar o problema "pero xa non son suficientes", polo que instou á Xunta de Galicia á posta en marcha dunha mesa de traballo na que estean todas as administracións, as asociacións de loita contra a violencia de xénero e as forzas de seguridade do Estado para elaborar un protocolo de actuación ante os crimes machistas.

CONCENTRACIÓNS EN TODA A COMARCA

As principais concentracións polo asasinato de Conchi Reguera celebráronse en Pontevedra, municipio no que residía a vítima na actualidade, pero por toda a comarca organizáronse este luns actos similares. Entre eles, Ponte Caldelas, onde a falecida vivira tempo atrás. Unhas 150 persoas reuníronse na Alameda da localidade, convocadas pola Asociación de Mulleres Rurais do Verdugo.

Todas elas lucían un lazo violeta como forma de reivindicar o papel da muller na sociedade e como repulsa a este crime machista. Ademais, deuse lectura a unha declaración institucional consensuada por todos os grupos políticos da corporación municipal.

Pola súa banda, convocada pola Asociación de Mulleres Intercambio do Saber, tamén se celebrou unha concentración na Praza da Veiguiña de Marín, á que acudiron medio centenar de persoas que gardaron un minuto de silencio polas últimas vítimas da violencia machista no noso país. E en Poio, o Consello Municipal da Muller convocou un parón de cinco minutos, ao mediodía, diante da Casa Rosada.