Pontevedra súmase á lista de ata 45 cidades españolas que apoiarán a Marcha europea polos dereitos das persoas refuxiadas e migrantes que se celebra o vindeiro sábado 27 de febreiro en 22 países de toda Europa e Estados Unidos.
O círculo Podemos Pontevedra, o sindicato Pontevedra Libertario, a Asociación pola Defensa da Ría, o colectivo Boa Vida, Marea Pontevedra e o sindicato CXT presentaron este xoves as actividades que se van a desenvolver durante este fin de semana en apoio e difusión desta Marcha europea.
O sábado 27 de febreiro instalarán na praza da Peregrina un punto informativo no que se despregará un mural e onde se desenvolverán distintas actividades entre as que se inclúen a proxección dun vídeo e a celebración dun encontro a "micro aberto".
Este punto informativo desenvolverase de 12:30 a 14:00 horas, e de 18:00 a 19:30 horas concluíndo cunha "pequena marcha" desde a Peregrina ata a sede da Subdelegación do Goberno, onde se dará lectura a un manifesto.
Segundo destacaron na rolda de prensa, a marcha foi convocada co lema "Pasaxe Segura Xa" e nela a cidadanía esixirá aos gobernos de toda Europa "unha resposta humanitaria contundente" para que se "establezan rutas seguras" para todas as persoas desprazadas dos seus fogares de maneira forzosa por mor de guerras e conflitos "e que se lles recoñezan os seus dereitos de forma plena". Os organizadores desta mobilización aseguran que dos máis de 60 millóns de persoas que se atopan nesa situación, un millón accedeu a Europa en 2015.
Entre outras medidas, estes colectivos reclaman a emisión de visados humanitarios, a posta en marcha de procesos de reasentamiento e o acceso diplomático ao asilo en terceiros países. Ademais piden a suspensión dos acordos de retorno e readmisión con países que non respectan os Dereitos Humanos.
Estas e outras tantas medidas inclúense nun manifesto que contempla dez peticións que conclúe coa necesidade de celebrar un cume europeo que avalíe os Acordos de Schengen.