Non é habitual que un alcalde español interveña no Senado da República de México. O último foi Alberto Ruíz Gallardón, durante a súa etapa como rexedor de Madrid. O seu relevo colleuno este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que explicou o modelo urbano da cidade ante a comisión de desenvolvemento urbano e ordenación territorial.
Á súa chegada ao Senado, Fernández Lores foi recibido polo presidente da comisión, o senador Francisco de Paula Burquez, que acudiu á cita cunha máscara que cubría a súa boca por recomendación médica. Foi operado recentemente dun trasplante de medula, debido á leucemia que padece e da que se está recuperando.
De Paula Búrquez explicou, antes da conferencia do alcalde pontevedrés, que visitou Pontevedra o ano pasado e puido coñecer "esa maravilla de región" e ata, bromeou, "fui a los furanchos". Alí descubriu, dixo, que a cidade "más que un modelo urbano es un modelo humano", porque sitúa os seus habitantes "en el centro de la organización".
Pontevedra, sinalou o senador mexicano, "se preocupó de conocer a sus personas" e deseñar unha cidade para unha poboación "cada vez más diversa" e que entendeu que o coche privado "no es el único medio de movilidad".
A cidade "se ajustó a las personas y no al revés", segundo o senador, un modelo "real" que xera unha calidade de vida "tremenda" e que permite aos seus cidadáns "lograr muchas más aspiraciones". Son solucións, destacou, que esperan trasladar a México grazas a unha recente lexislación estatal sobre mobilidade "que cambia el paradigma de nuestras ciudades".
Durante a súa intervención no Senado, Fernández Lores defendeu Pontevedra como o referente dun "novo modelo de cidades", baseado na recuperación de espazos públicos para as persoas e que, subliñou, inclúe ideas "absolutamente exportables" a calquera cidade, sexa cal for o seu tamaño, para unha mellor mobilidade e benestar dos seus habitantes.
O espazo público, recordou o alcalde pontevedrés, "é un dereito das persoas" equivalente a educación ou á sanidade, e ao ser escaso nas cidades os responsables políticos "deben tomar decisións sobre como configuralo, como deseñalo e como combinar os distintos intereses públicos e privados".
No caso de Pontevedra, segundo explicou aos senadores mexicanos, era unha cidade "absolutamente invadida" polos coches, convertendo as súas rúas nun "inferno" debido ao "incesante" tráfico que circulaba "en ocasións" a unha velocidade excesiva e "relegando" o peón a unhas beirarrúas "estreitas" e sen as debidas condicións de seguridade.
"Propuxemos cambiar ese modelo por outro radicalmente distinto", explicou Lores, situando ás persoas "no alto da prioridade" e apostando por un sistema de mobilidade que, xunto co tránsito peonil, permitiu "mellorar e ampliar" o espazo público. "Nunca pensamos en mellorar o tráfico senón que apostamos por cambiar as prioridades", dixo.
O alcalde destacou que en cidades pequenas como Pontevedra, "camiñar resolve a maioría dos problemas", mentres que en cidades grandes que aposten por esta filosofía debe combinarse cunha "boa estrutura de transporte público que permita prescindir do gran número de coches que innecesariamente as invaden".
Neste sentido, Lores realizou un detallado resumo das medidas aplicadas en Pontevedra e que, máis aló da peonalización de gran parte da cidade, supuxo a limitación a 30 km/h da velocidade, a creación de aparcamientos disuasorios, a posta en marcha do estacionamento de servizos ou a instalación de máis de 300 lombos e de 35 rotondas urbanas.
Ademais, tamén se referiu á aposta pola accesibilidade universal no espazo público para integrar ás persoas "con máis dificultades", á decisión de impulsar a autonomía de infantil "para que os nenos vaian sos ao colexio e xoguen nas rúas sen a ameaza dos coches" e á integración das bicicletas na mobilidade da cidade.
Todo iso permitiu, concluíu o alcalde, lograr uns datos "espectaculares" en materia de seguridade viaria nunha cidade na que, actualmente, máis do 70% dos desprazamentos realízanse "a pé ou en bicicleta". Este esforzo, engadiu, foi recoñecido con multitude de premios nacionais e internacionais nos últimos anos.
O modelo de Pontevedra, sinalaron os senadores, "nos alienta" ao comprobar que "es posible" e que en México "también lo podemos lograr"
"Pero por enriba destes datos, que nos axudan a concretar a magnitude do cambio, está a sensación de vivir nunha cidade que fomos construíndo á medida das persoas, pensando só no interese común", sinalou antes das preguntas que formularon os senadores presentes na comisión de desenvolvemento urbano da cámara mexicana.
A senadora Angélica Araújo, ex alcaldesa da cidade de Mérida, sinalou que é "gratificante y motivacional" coñecer o resultado do modelo urbano de Pontevedra porque "nos alienta" comprobar que "es posible" e que en México "también lo podemos lograr".
A tamén secretaria desta comisión de desenvolvemento urbano interesouse especialmente polo sistema de aparcamientos e por como se logrou que os comerciantes entendesen que pode convivir a súa actividade económica con rúas nas que o peón "pueda estar mejor".
Ademais, Araújo invitou a Fernández Lores a colaborar coa recentemente creada asociación nacional de alcaldes mexicanos ao entender que será "valioso" para eles coñecer máis ao detalle "datos y cifras" deste modelo e, sobre todo, como foi a súa "aplicación diaria" e como logrou que os cidadáns "estén a favor de un alcalde que promueve este modelo".
Jesús Casillas, presidente da comisión de mobilidade e senador polo estado de Jalisco, tamén se sumou ás boas palabras cara o modelo pontevedrés e sinalou que en México "somos conscientes" de que deben cambiar o seu propio modelo "por el tiempo que gastamos en desplazamientos y el efecto que causamos en las ciudades".
Neste sentido asegurou que, actualmente, cada mexicano "malgasta" cinco anos da súa vida en desprazamentos en vehículos privados, ao crearse cidades "más dispersas e inhabitables" e cun sistema de transporte público "ineficiente". Así, pediu consello ao alcalde de Pontevedra para trasladar este modelo a distritos e barrios dos seus municipios, especialmente dos máis grandes.
Para pechar esta sesión volveu tomar a palabra o senador Búrquez, ex alcalde da cidade de Sonora, que engadiu que o modelo de Pontevedra é "vivo y actual" e recoñeceu que en México "no lo encontramos". Con este exemplo, dixo, "hay un espacio y una gran oportunidad" para mellorar os seus municipios.
"No hay nada más poderoso que la vista", sinalou, polo que entende que sería positivo para reducir a "resistencia" que poida atopar en México a adopción dun modelo similar buscar "tres o cuatro" cidades "que estén degradadas" nas que comezar a traballar e "que sirvan como ejemplo" a todo o país.