O goberno municipal de Pontevedra ten "practicamente rematado" un proxecto de intervención en Valentín García Escudero que permitirá "poñer en valor" o xacemento arqueolóxico situado ás portas da ponte do Burgo.
Así o confirmou este luns o edil responsable da área de urbanismo, Alberto Oubiña, que defendeu que o Concello "sempre nos interesou" conservar o patrimonio histórico da cidade.
"Queremos facer unha boa posta a punto de toda esta contorna", subliñou Oubiña, que explicou que esta nova intervención permitirá "consolidar" os restos arqueolóxicos e "poñer en valor" todo o complexo para "disfrute" de cidadáns e visitantes.
Entre outras medidas, este proxecto incluirá un novo estudo topográfico do xacemento, reforzar a seguridade dos restos arqueolóxicos, mellorar a circulación e a accesibilidade en toda a zona ou colocar unha nova sinalización.
O concelleiro nacionalista respondeu así á proposta que o PP trasladou este luns ao pleno da corporación municipal para esixir unha actuación integral para musealizar este xacemento e unha reforma estética que "dignifique" toda esta contorna.
Para Rafa Domínguez, este enclave é "fundamental" para entender a historia de Pontevedra ao ser o "kilómetro cero" da cidade, un punto que "debemos cuidar y preservar" e que, nestes momentos, "no cumple con los requisitos mínimos".
"Su situación es bochornosa. No es la imagen que debe dar Pontevedra a los que atraviesan la ciudad", sostivo o portavoz popular, que celebrou o apoio unánime de PSOE e BNG a esta proposta de intervención.
O socialista Iván Puentes coincidiu en que acabar cos "parches provisionais" sobre este xacemento histórico e apelou a impulsar un plan para agrupar todos os espazos museísticos ao aire libre, incluíndo a CITA, a muralla en Santa María ou a Illa das Esculturas.
A corporación tamén aprobou a proposta do PSOE, defendida por Marcos Rei, para instar á Xunta de Galicia a que asuma a xestión da unidade de atención a drogodependentes de Pontevedra, integrándoa no sistema sanitario público.
Rei sostivo que estas patoloxías deben ser abordadas "de xeito integral" polo Sergas para garantir unha mellor atención aos seus usuarios, sendo a súa xestión actual, asumida polo Concello, unha "anomalía" que vulnera os dereitos dos pacientes con adiccións.
A edil da área de servizos sociais, Anabel Gulías, reiterou que a Xunta debe asumir "dunha vez por todas" a xestión desta unidade, ao ser unha competencia "impropia" para a que a administración municipal "non ten os recursos axeitados" para sostela.
Os populares, que acusou ao goberno municipal de ser o responsable do "abandono" e da "situación crítica" desta unidade, censuraron que despois de todo este tempo "vengan ahora a pedir que el Sergas solucione algo que ustedes no han solucionado en 26 años".
Esta iniciativa foi apoiada polos concelleiros do PSOE e do BNG. O PP votou en contra.
PREMIO HONORÍFICO NOS CIDADE DE PONTEVEDRA
A segunda proposta presentada neste pleno polo PP, que se cambien as bases dos Cidade de Pontevedra para incluír un terceiro premio honorífico que recoñeza a traxectoria de personalidades destacadas, foi aprobada coa abstención do BNG.
Raquel Martínez, edil popular, defendeu que se cree este galardón de honra para "cubrir un vacío" nestes premios e homenaxear a persoas ou entidades "que a lo largo de toda su vida han dedicado un esfuerzo importante a la mejora de Pontevedra".
Os socialistas apoiaron esta iniciativa ao entender que contribúen a buscar a "excelencia" na cidade, mentres que os nacionalistas, que non se opoñen á súa creación, criticaron que se pida modificar as bases destes premios de maneira "apresurada".
O PSOE e o PP, a pesar da pequena liorta inicial a conta da corrupción, tamén se entenderon para reclamar ao goberno municipal que bonificar até o 90% do IBI aos propietarios de vivendas que se destinen ao aluguer con rendas "limitadas" pola lei de vivenda.
O socialista Iván Puentes asegurou que Pontevedra "non está a aproveitar" tanto esta como as bonificacións á instalación de paneis solares e que, ao seu xuízo, son unha "oportunidade" para aumentar o parque de vivendas en aluguer e contribuír á transición enerxética.