A partir de febreiro toda a información municipal estará xeorreferenciada e accesible aos cidadáns dun xeito tan sinxelo como é un simple clic. Será a través dunha plataforma dixital que están a ultimar os técnicos do Concello de Pontevedra.
A edil de Réxime Interior, Anabel Gulías, explicou que se trata dun traballo "moi ambicioso" no que, coordinado polo departamento de Informática, colaboraron numerosos servizos municipais, e que se enmarca no proceso de modernización da administración local.
Este sistema facilitará e axilizará as consultas de datos tanto de empresas, profesionais e cidadáns como dos propios funcionarios municipais.
O técnico encargado de desenvolver o proxecto, Santiago Pérez Agra, explicou que este sistema combina tanto datos e información de fontes propias como doutras procedentes da comunidade de internet como por exemplo Open Street Maps, que no caso de Pontevedra ten identificadas e xeolocalizadas as sendas e vías peonís da cidade.
Ademais, unha vez posto a disposición do público, se seguirá traballando para "adaptalo ás necesidades que poidan ir xurdindo".
Este sistema permite acceder a todo o rueiro da cidade e núcleos de poboación das parroquias, á información catastral ou mesmo a 'mapas de calor' que recollen a distribución e densidade da poboación.
O detalle e información que ofrecen algunhas capas do sistema, como por exemplo a información sobre polígonos ou parcelas cos datos oficiais do catastro, cartografía, situación e foto, axilizará e facilitará o traballo de técnicos municipais e de profesionais e empresas ligadas a disciplinas como a enxeñeiría, a arquitectura ou a topografía.
Ademais, a plataforma tamén permite acceder a diferente información xeorreferenciada da cidade como composteiros, semáforos, paradas de taxi, lombos e redutores de velocidade, a liña de autobuses ou o trazado do Camiño de Santiago.
De cara a o futuro está previsto que se incrementen os puntos xeorreferenciados e se inclúan equipamentos como por exemplo os parques infantís ou os centros de ensino.
As persoas usuarias deste sistema tamén poderán percorrer as vías e as sendas da cidade a través das fotografías 360 graos realizadas no ano 2018 ao abeiro dun proxecto no que se fotografou toda a cidade desde un vehículo, unha actuación similar ao Google Street View.
Este sistema tamén permite comparar os cambios no tempo da cidade a partires dunha fotografía aérea do voo americano de mediados da década 1950 e comprobar a súa evolución ata a actualidade, entre outras ferramentas.