A Pontevedra Provincia Film Commission, dependente da Deputación, participará este mércores en Sevilla na xornada "Shooting in Spain Focus on USA", para atraer rodaxes de produtoras e estudos norteamericanos.
Na reunión de negocios que organiza a Spain Film Commission, dentro do seu programa "Rueda en España", Deputación dará a coñecer a súa oferta para atraer rodaxes á provincia ante directivos as grandes produtoras norteamericanas (Paramount, Warner Bros Discovery, Walt Disney, NBC Universal, MGM Studios e Sony Pictures) e das novas plataformas, (Netflix, HBO, Amazon, AMC Networks ou Amblin) que forman parte da delegación de máis de 40 executivos norteamericanos que este luns xantaron co presidente do Goberno, Pedro Sánchez; coa vicepresidenta económica Nadia Calviño; e coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.
Trátase dunha misión inversa promovida polo ICEX (Instituto de Comercio Exterior).
A presidenta provincial, Carmela Silva, sinalou que será unha xornada "importantísima" na que se van dar cita as principais empresas do audiovisual e cinema do mundo "e onde teremos unha presenza moi relevante para dar a coñecer todo o noso potencial como destino turístico e os múltiples recursos e oportunidades das que dispoñemos para rodar".
A Deputación quere que estes directivos coñezan que Rías Baixas é "un destino axeitado para a rodaxe dos seus filmes, presentando as vantaxes competitivas, o poderío audiovisual que temos na provincia e a potencialidade do sector".
Xunto á Pontevedra participarán outras oficinas do resto do Estado integradas na Spain Film Commission como é o caso de Andalucía, Valladolid, Bilbao, Cataluña, Canarias, Madrid, Mallorca, Asturias, Tarrasa, Carmona e Valencia.