O éxito electoral do PP en Galicia tivo o seu reflexo, como non podía ser doutra maneira, na provincia de Pontevedra. Nela, os populares lograron igualar os resultados logrados hai catro anos. Serán once os deputados pontevedreses do PP no próximo parlamento autonómico, tras conseguir 211.307 votos (un 43,26% do total).
O PP volveu a tinguir de azul o mapa de Pontevedra. Foi o partido máis votado en 60 dos 62 concellos da provincia, cedendo tan só en dous deles, A Illa de Arousa e Fornelos de Montes, que volveron a demostrar a súa preferencia polo PSdeG-PSOE.
No cómputo global, o PSdeG-PSOE retrocede ata o 18,39% dos votos, ao lograr 89.806 apoios fronte aos 100.903 (un 20,76% de fai catro anos). Vese superado, do mesmo xeito que en Galicia, por En Marea. O partido instrumental acadou o respaldo de 107.422 pontevedreses, un 21,99% (AGE tivo en 2012 un total de 70.434 votos, un 14.49%).
Así, En Marea queda con cinco deputados e os socialistas con catro.
A diferenza das eleccións xerais, o BNG supera amplamente a Ciudadanos e faise con dúas actas de deputados, unha menos que hai catro anos. Sumaron 43.896 votos, un 8,99% do total. En 2012 lograran 58.017 votos, un 11,94%.
Os de Albert Rivera quedan, iso si, máis preto do deputado en Pontevedra que en calquera outra provincia, con 18.996 votos e un 3,89%.
A participación na provincia chegou ata o 63,85%, sete puntos por encima das últimas eleccións autonómicas.
Para ver os datos completos da provincia de Pontevedra e de cada un dos seus concellos, pulsa aquí.
RESULTADOS NA CIDADE DE PONTEVEDRA
Na cidade de Pontevedra, repítese ese mesmo esquema. O PPdeG obtivo 17.839 votos, un 42,05% (15.851 e un 38,33% no 2012). En Marea tamén superou ao PSdeG e sitúase como segunda forza ao conseguir 7.858 votos, o 18,52% do total (AGE en 2012 alcanzara 5.440 votos e o 13,15%).
Os socialistas tivéronse que conformar con 7.160 votos e un 16,88% fronte aos 7.770 (18,78%) de hai catro anos; superando ao BNG que se recupera de citas electorais anteriores con 6.332 votos e un 14,93%, pero cae con respecto a 2012, ano no que 7.712 pontevedreses lles votaron, un 18,65%.
Lonxe quedan Ciudadanos con 1.774 votos e un 4,18% e o partido animalista Pacma. Este último duplica o seu resultado electoral en Pontevedra e alcanza os 523 votos, un 1,23% do total.
A participación na cidade do Lérez chegou ata o 64,31%, tan só unha décima máis que hai catro anos.
Para ver os datos completos da cidade de Pontevedra, pulsa aquí.