"Hoxe tiven unha boa nova", comentou este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores nunha comparecencia ante os xornalistas locais. "Podemos confirmar que vai haber Entroido en toda a súa dimensión", anunciou, "ou sexa que vai a ver todo o que ten que haber no Entroido: desfile, murgas, parodias, loro, festa pirata, etc".
"O mellor entroido urbano de Galiza non se pode deixar de celebrar, sobretodo porque ten un componente importante de dinamización da cidade", destacou.
Un traballo que agradeceu "expresamente" a todo o equipo do órgano de xestión orzamentaria porque "se lle buscou un encaxe" para atopar financiamento para esta festa popular.
O alcalde non facilitou o dato de a canto ascende este ano o orzamento do Entroido aínda que comentou que crecerá respecto a a cantidade consignada o pasado ano. Tampouco precisou de onde saíu ese diñeiro "pois se sacou de partidas que non tivemos que reter", apuntou.
Unha vez máis o rexedor nacionalista insistiu no argumento de que "o feito de non ter orzamentos vai paralizar unha serie de xestións".
Nos próximos días a Concellería de Cultura presentará a programación do Entroido.
RESPOSTA DO PP
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez saíu ao paso do este anuncio do alcalde para sinalar que, ao seu xuízo, trátase de "una falta a la inteligencia de los pontevedreses" Xa que "todos sabíamos que iba a haber Entroido".
Rafa Domínguez asegurou que Miguel Anxo Fernández Lores "está vendiendo un victimismo que yo creo que es exagerado", e tamén "es una falta de respeto decir que ahora ha encontrado una partida para que haya carnaval cuando hace cuatro días estaba en duda".
Para o portavoz popular no goberno local "está claro que están trabajando a salto de mata, están trabajando sin criterio" unha situación "precaria" que Rafa Domínguez atribúe a que o alcalde e os seus oito concelleiros "no dan abasto para hacer las cosas que tienen que hacer".
RESPOSTA DO PSOE
"Neste asunto e en tantos outros, desgraciadamente, o grupo municipal do BNG parece cada vez máis unha murga, porque todos sabíamos que ia haber entroido", respostou o voceiro do PSOE, Iván Puentes.
Para os socialistas o que fixo o alcalde nestes días foi "escenificar unha crise ficticia para asustar, para criminalizar, para, pois novamente, deixar ao Partido Socialista como un partido que obstrue a labor do goberno".
Iván Puentes defendeu que o seu grupo "colabora" na acción do goberno, pero que tamén "denuncia con toda contundencia do mundo aquelas situacións que entende que non son xustas ou que non compartimos" como é o caso, segundo citou, do orzamento municipal.
Tamén reiterou que o Concello de Pontevedra estivo o pasado ano cun orzamento prorrogado e "non se perdeu ninha soa obra, nin unha soa subvención" e tampouco quedaron festas sen celebrar polo que enmarcou o discurso do alcalde nunha "estratexia para intentar infundir medo".