A redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible por parte do Concello de Pontevedra segue o seu curso. As últimas novidades integradas no documento ofrecen unhas breves conclusións en relación cos vehículos eléctricos e a interacción coa cidade.
Actualmente, a Boa Vila conta con 21 puntos de recarga de vehículos distribuídos por toda a cidade.
Oito están en aparcadoiros, dous no Mercado Municipal, tres no Central e outros tres na Praza de España, e un en estacións de servizo, na Estación de Servizo Repsol de Mollavao, que está instalado e empezará a funcionar "en breve".
Hai ademais catro no Hiper Froiz de Santa Clara (dous lentos e dous rápidos), dous no Carrefour Pontevedra, dous en Mercadona en Pasarón, dous na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, un no Tanatorio San Marcos e outro na Nissan Roipesa (para vehículos Nissan en horario laboral).
En canto aos vehículos censados en Pontevedra, o Concello ten un total de 109 repartidos en dous grupos diferentes. Por un lado están os vehículos de batería, que funcionan en exclusiva con esta enerxía, e os vehículos híbridos eléctricos enchufables, que poden tamén funcionar con combustible, gasoil ou diesel.
Contando estes datos, a cidade conta cun ratio de 5,2 vehículos eléctricos por cada punto de recarga, o que segundo o goberno municipal supón estar "moi por riba da media de España", segundo o informe publicado pola Asociación Empresarial para el Desarrollo e Impulso de la Movilidad Eléctrica.
Destacan desde o Concello que a media en España sitúa 11 vehículos por punto de recarga, sendo en Pontevedra o dobre, mentres que a media en Europa é de 12 vehículos por cada punto de recarga.
Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade, atopa estes datos "realmente positivos", pois o municipio tería aínda unha ampla marxe de medra para o seu parque de vehículos enchufables e, polo tanto, para cumprir a esixencia normativa de colaborar na promoción dos vehículos eléctricos que impón a lei de 7/2021 de cambio climático para as zonas de baixas emisións.
Nese sentido, o edil lembra que "esa promoción pode ser feita reforzando o modelo Pontevedra que opta por non cobrarlle á veciñanza por circular ou estacionar na cidade nin a realizar un investimento tan potente como a compra dun vehículo con etiqueta eco" fronte ás zonas de baixas emisións que impulsan as leis de cambio climático e de mobilidade sostible".