Ata case 1,2 millóns de euros anuais subirá o custo do novo contrato de mantemento de xardíns e zonas verdes da cidade, un aumento debido ao incremento de áreas naturais que, nos últimos sete anos, creceron un 42% ata os 1.251.860 metros cadrados.
O edil de Medio Natural, Iván Puentes, detallou este mércores as novidades que incluirá este novo contrato, que se estenderá por catro anos e incluirá unha prórroga dun máis. O Concello confía en que se poida resolver durante a próxima primavera.
Nesta ocasión, o contrato sairá a licitación en dous lotes.
Haberá unha parte de "acceso libre" á que poderá optar calquera empresa do sector e cuxo custo ascenderá a uns 964.000 euros anuais.
Será a parte "máis importante" do mantemento de zonas verdes, ao asumir a Xunqueira de Alba, a Illa das Esculturas, toda a zona de Beiramar ata a praia fluvial, a área fluvial do Gafos, Campolongo, Mollavao, os xardíns de Pontevedra Leste ou o barrio de Monte Porreiro.
O segundo dos lotes, que sairá a licitación por uns 217.000 euros, estará reservado para centros especiais de emprego ou empresas de inserción laboral que dean traballo a persoas con discapacidade, segundo explicou o concelleiro socialista.
Terán ao seu cargo o miradoiro de Monte Porreiro, os xardíns da "cidade de pedra", a zona das estacións, a nova pasarela do Doce de novembro ou o parque Amalia Álvarez.
A nova adxudicataria terá que subrogar aos trece empregados que ten agora mesmo Ferrovial, aos que deberá sumar obrigatoriamente outros sete, ata un total de vinte. Outros seis traballadores poñeraos o centro especial que se faga co lote 2.
A terceira gran área de zonas verdes e xardíns, a que se corresponde con toda a améndoa central da cidade, incluída a Alameda ou o centro histórico, quedará baixo a responsabilidade dos nove traballadores que integran o persoal municipal de Parques e Xardíns.
O novo contrato, apuntou Puentes, inclúe todos os parques urbanos, xardíns, arboledo viario, xardineiras, medianeiras ou rotondas, zonas verdes en colexios ou centros sociais, ou a zona recreativa do parque forestal do Pontillón do Castro.
Unha das súas cláusulas, ademais, permitirá que o Concello poida "reordenar" as áreas para manter e mesmo incrementalas no marco do contrato, aumentando iso si a retribución que tería que recibir a empresa que se faga cargo deste servizo.
Pontevedra márcase o obxectivo de lograr que todas as zonas verdes do municipio estean en " boas condicións" e se avance na "sostenibilidade" na súa xestión, con medidas que contribúan ao aforro enerxético e de auga, logrando un "embelecemento" da cidade e un incremento do seu "valor botánico e ornamental".