Pontevedra, sen fondos europeos para as reformas do Pazo, o Principal e o Municipal

Pontevedra
05 de abril 2023

Ningún dos tres proxectos que Pontevedra presentou á segunda fase do programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos, o coñecido como PIREP local, pasou o corte imposto polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana

Pazo da Cultura, Pontevedra
Pazo da Cultura, Pontevedra / Mónica Patxot

Ningún dos tres proxectos que Pontevedra presentou á segunda fase do programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos, o coñecido como PIREP local, pasou o corte imposto polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana.

Este plan, que se financia a través de fondos europeos, está deseñado para subvencionar actuacións de rehabilitación sostible de edificios de titularidade pública e de uso público.

Na súa primeira convocatoria, Pontevedra logrou fondos para rehabilitar o edificio municipal de Churruchaos (776.000 euros) e para converter o antigo conservatorio de musica da rúa Alfonso XIII nun laboratorio de creatividade (923.000 euros).

Pero nesta ocasión, as tres actuacións propostas polo goberno municipal foron valoradas polo comité de selección pero non foron seleccionadas como beneficiarias provisionais desta nova liña de axudas.

Así, queda fóra deste financiamento europeo o proxecto de mellora de eficiencia enerxética, accesibilidade, habitabilidade e seguridade estrutural do Teatro Principal, que o Concello de Pontevedra orzamentara 2,05 millóns de euros.

Tampouco foi aceptada a proposta para a rehabilitación integral do pavillón municipal de deportes, coa que se pretendía devolver o aspecto orixinal do inmoble deseñado por Alejandro de la Sota e que estaba valorado en 2,94 millóns.

O terceiro dos proxectos rexeitados polo ministerio foi a iniciativa para a mellora da eficiencia enerxética do Pazo da Cultura, que o Concello quería financiar con 2,98 millóns.

O Concello estudará agora a posibilidade de poder sufragar estas actuacións con fondos propios ou tentar buscar vías de financiamiento noutras administracións.