Cada ano somos máis habitantes en Pontevedra e 2019 non foi unha excepción. A Boa Vila conta xa con 84.827 persoas censadas, segundo revelan os datos do padrón municipal. Son 630 máis que en 2018, ano que a cidade rematou con 84.197 residentes. Supón o maior aumento poboacional que se rexistra nos últimos oito anos, desde 2011.
Son, en todo caso, datos provisionais xa que aínda non están incorporados ao padrón os nacementos e as defuncións que se produciron durante o mes de decembro.
Nos últimos 25 anos, o crecemento poboacional de Pontevedra disparouse e o padrón municipal creceu un 13,86%. En 1996, o municipio contaba con 73.066 habitantes, unha cifra que aumentou en case 12.000 persoas desde entón.
En concreto, en Pontevedra habitan 44.532 mulleres fronte os 40.295 homes. De todos eles, case 65.000 -en concreto 64.975- residen na cidade. Iso demostra que a sangría que vive o rural non logra ser detida. Por primeira vez, son xa menos de 20.000 persoas os que residen nalgunha das quince parroquias do concello.
A finais de 2019, 19.852 pontevedreses (o 23,40% do total de habitantes) teñen o seu domicilio no rural, 240 menos que hai apenas un ano.
Con respecto ao último ano, seis parroquias lograron crecer en maior ou menor medida. Así, Mourente supera de novo os 2.000 habitantes (2.014), 22 máis que en 2018; mentres que tamén aumentaron poboación Campañó, que alcanza os 1.859 (+16); Ponte Sampaio, que chega aos 1.056 (+13); ou Salcedo, que suma 2.043 (+12).
Tamén crecen, aínda que moito máis timidamente os dous Xeves, con tres veciños máis entre Santa María e Santo André que, no seu conxunto, chegan aos 1.841 habitantes.
Os maiores descensos, con todo, rexístranse en Lourizán (-51) con 3.024 residentes, Marcón (-27) con 2.043, Tomeza (-15) con 984, Verducido (-8) con 897 e Lérez (-3) con 1.696, mentres que o censo permanece practicamente invariable en Bora (722), Alba (719), Cerponzóns (708) e A Canicouva (246).
Os datos do padrón reflicten ademais que se Pontevedra crece en poboación faino pola súa capacidade de atraer a persoas doutros municipios. Por cuarto ano consecutivo o crecemento vexetativo foi negativo, é dicir, houbo máis falecementos que nacementos. 2019 pechou (a falta de decembro) con 459 recén nados fronte ás 598 defuncións.
Un de cada cinco pontevedreses, ademais, supera xa os 65 anos. Son 17.730 persoas, o 20,9% do total do padrón municipal. Deles, 49 son centenarios (doce máis que en 2018) e dous deles chegan mesmo aos 109. Fronte a eles, en Pontevedra hai 3.101 nenos e nenas de 0 a 4 anos, 166 menos que a finais do ano anterior.
O número de estranxeiros en Pontevedra tamén experimentou un notable crecemento en 2019. Os que están censados son xa 4.464, un 5,26% do total dos habitantes de Pontevedra. É a cifra máis alta da última década. Os residentes de nacionalidade española son, por tanto, 80.363, 174 máis que hai doce meses.
A colonia estranxeira máis numerosa en Pontevedra é, por primeira vez, os orixinarios de Venezuela, que con 501 (148 máis que en 2019) superan aos 466 portugueses. Séguenlles países como Marrocos (461), Brasil (458), Colombia (401), Romanía (224), Italia (199), China (166), Senegal (153), Arxentina (121), Reino Unido (105), República Dominicana (102) e Perú, que con 98 residentes aproxímase ao centenar.
Os naturais de Francia, Cuba, Uruguai, Paraguai, Ghana, Estados Unidos e Bangladesh tamén superan o medio centenar de persoas residindo en Pontevedra.