Pontevedra rexistra 53 parados menos que en agosto pero sigue lonxe das cifras precovid

Pontevedra
02 de outubro 2020

Setembro é habitualmente un mal mes para o mercado laboral. O final da tempada estival adoita traer consigo un aumento das cifras de desemprego. Pero coa pandemia da covid-19 esa tendencia investiuse, ao recuperarse a actividade noutros sectores

Traballadores da construción
Traballadores da construción / Ministerio de Trabajo

Setembro é habitualmente un mal mes para o mercado laboral. O final da tempada estival adoita traer consigo un aumento das cifras de desemprego. Pero coa pandemia da covid-19 esa tendencia investiuse, ao recuperarse a actividade noutros sectores.

Así o reflicten os datos que publicou este venres a Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia.

No caso da cidade de Pontevedra, 53 persoas abandonaron as listas de desemprego durante o mes de setembro, o que sitúa o total de parados en 5.885 fronte os 5.938 que había en agosto.

A pesar desta positiva evolución, Pontevedra non recuperou o nivel de emprego que había antes da pandemia. Así, hai apenas un ano, en setembro de 2019, había 5.314 persoas sen emprego. É dicir, 571 menos que na actualidade.

O descenso nas cifras do paro foi xeneralizado en todos os concellos da provincia, salvo nos municipios de maior presión turística como Sanxenxo (+218), O Grove (+137) ou Cambados (+75).

Na comarca de Pontevedra tamén baixou o número de parados en concellos como Ponte Caldelas (-21). Campo Lameiro (-12), Barro (-4) ou A Lama (-1); mentres que subiu en Poio (+20) e Cerdedo-Cotobade (+6). En Vilaboa mantívose sen cambios.

Na comarca do Salnés, ademais de Sanxenxo, O Grove e Cambados o desemprego creceu en Meaño (+40), A Illa de Arousa (+39), Vilanova (+21), Ribadumia (+19), Vilagarcía (+15) e Meis (+8).

Son tamén negativos os datos de Marín, con 15 desempregados máis en agosto, e en Bueu, con 8 máis.

En case todos concellos do Umia baixou o paro. Caldas de Reis (-20), Portas (-10) e Cuntis (-1) experimentaron descensos. A excepción foi Moraña, que sumou un desempregado máis que o mes pasado.

Pola súa banda, o número de desempregados en Galicia baixou en 377 persoas durante o mes de setembro, segundo os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Trátase dun descenso do 0,21% con respecto a agosto, o que sitúa o total de parados en 176.574 persoas. Este dato, a pesar da redución do desemprego mensual, segue sendo maior que hai un ano. En setembro de 2019 había 19.590 parados menos.

No conxunto estatal, o paro reduciuse un 0,7%, o que se traduciu en 26.329 persoas menos rexistradas nas oficinas de emprego. É o maior descenso en setembro desde 1996.

O total de desempregados en España sitúase actualmente en 3.776.485 persoas.

Arquivado en