Vinte anos non é nada, dicía Carlos Gardel nun dos seus tangos máis coñecidos, Volver. Pero Pontevedra, hoxe polo menos, ten motivos para discutir esa afirmación. Vinte anos cumpriu este 2019 a súa Feira Franca, unha festa que ao longo destas dúas décadas converteuse nunha cita ineludible para celebrar o final do verán.
Decenas de miles de persoas, moitas delas chegadas desde diferentes puntos de toda Galicia, mergulláronse na Idade Media por un día. Ataviados cos seus mellores traxes medievais, pontevedreses e visitantes deron cor e alegría a unha festa que, desde 2013, é Festa de Interese Turístico de Galicia.
Polas rúas e prazas da cidade, especialmente polo centro histórico, desfilaron damas, cabaleiros, campesiños, mesoneiras, xograres, comerciantes, artesáns, artistas, raíñas e reis, bufóns, soldados, sacerdotes ou todo tipo de animais fantásticos.
Todos eles rememoraron aquel ano de 1467 no que o rei Henrique de Castela outorgou o privilexio de instaurar na cidade un mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e quince días despois do 24 de agosto, día de San Bartolomé.
Aínda que as comidas e ceas repartidas polo centro histórico e a Alameda foron os principais atractivos da Feira Franca, os seus organizadores ofreceron un amplo programa de actividades que contaron cunha numerosa afluencia de xente.
Así, a avenida de Santa María acolleu o tradicional mercado medieval de artesáns e a Praza da Ferrería e a Praza do Peirao reserváronse para a mostra de oficios tradicionais.
Xunto co torneo medieval da praza de touros ou as embarcacións tradicionais que navegaron polo Lérez, a Feira Franca ofreceu durante toda a xornada espectáculos de animación pola rúa, exhibicións de cetrería, esgrima e danza, actuacións musicais con cantares de cego, música medieval e moitas outras actividades lúdicas.
Pontevedra demostrou, como vén sendo tradición, que Hai Feira Franca! E coa saúde que demostra ano tras ano, haberá festa para longo.