Pontevedra quere celebrar "como se merece", segundo destaca o goberno municipal, a recuperación da antiga casa consistorial da Praza de España, que volverá encherse de actividade tras as obras de rehabilitación que se realizaron no inmoble.
Farao cun acto que, ademais de festexar esta nova vida da casa consistorial, servirá como homenaxe a todas as persoas que formaron parte da corporación municipal durante o réxime constitucional, é dicir, desde as primeiras eleccións democráticas de 1979.
O Concello estendeu xa as invitacións aos 166 concelleiros e concelleiras que están chamados a participar neste acto, entre eles os outros dous alcaldes que, xunto co actual, Miguel Anxo Fernández Lores, seguen vivos: José Rivas Fontán e Juan Luís Pedrosa.
Eva Vilaverde, en nome o goberno municipal, subliñou que con esta homenaxe, que confía en que sexa "bonita e emotiva", o Concello pretende pór en valor a recuperación dun edificio "que foi clave na evolución da cidade de Pontevedra".
"Agardamos que poidan participar todos e todas", sinalou a edil.
Este acto, que se celebrará o vindeiro venres 15 de novembro, a partir das 18:00 horas, servirá ademais para estrear o flamante novo salón de plenos, que estreará a súa función institucional tres días despois, o luns 18, coa súa primeira sesión plenaria.
Tras retomar a súa actividade haberá tamén visitas guiadas abertas a toda a cidadanía. Serán en grupos dunhas vinte persoas, a partir do martes 19 pola tarde e durante cinco días. Haberá tres quendas de visitas cada un dos días.
A idea, segundo Vilaverde, é que os cidadáns poidan coñecer a rehabilitación que experimentou o histórico inmoble, a súa evolución ao longo do tempo e a propia natureza do edificio, que non será amoblado ata que pasen estas primeiras actividades públicas.
De cara aos novos plenos, a xunta de portavoces traballará para organizar estas sesións e repartirse o espazo dispoñible para os 25 edís da corporación.
Haberá ademais cadeiras para o público, que en todo caso non superarán o medio centenar.